Balduíno II de Rethel, coñecido tamén como Balduíno II de Bourg, Balduíno II de Edesa e Balduíno II de Xerusalén, nado en 1060 en Francia, e finado en Xerusalén o 21 de agosto de 1131, foi o segundo conde de Edesa desde 1100 a 1118, e o segundo rei de Xerusalén desde 1118 até a súa morte.
Balduíno era fillo de Hugo I de Rethel e da súa esposa Melisenda de Montlhéry. Tiña dous irmáns máis novos, Xervasio e Manases, e dúas irmás, Matilde e Hodierna. As fontes refírense a Balduíno como primo dos irmáns Eustaquio de Boulogne, Godofredo de Bouillon e Balduíno de Boulogne, pero a relación familiar exacta non se coñece. Algúns autores (en particular Steven Runciman na súa Historia das Cruzadas) citan unha ficticia Ida de Boulogne como avoa de Balduíno II para forzar a relación familiar, pero tal persoa nunca existiu.
Balduíno deixou á súa familia para seguir aos seus primos na Primeira Cruzada en 1096. Durante esta Cruzada, Balduíno de Boulogne converteuse en conde de Edesa, sucedendo ao seu curmán Balduíno I cando este entrou ao servizo de Bohemundo I de Antioquía, príncipe de Antioquía en 1100, cando Balduíno I Boulogne foi elixido rei de Xerusalén á morte do seu irmán Godofredo, e Balduíno de Bourcq pasou a ser conde de Edesa no seu lugar. Como conde, en 1101 casou con Morfia de Melitene, filla do príncipe armenio Gabriel de Melitene. Tamén axudou a rescatar a Bohemundo cando foi apresado polos danisméndidas (liñaxe turcomán que dominou a Anatolia oriental entre os séculos XI e XII), pois prefería a Bohemundo ao sobriño deste, Tancredo, que era entón o rexente.
En 1102 Balduíno e Tancredo axudaron ao rei Balduíno I contra os exipcios en Ascalón. En 1104 os turcos selxúcidas invadiron Edesa e, co apoio de Antioquía, o conde Balduíno loitou contra eles na batalla de Harran. Esta batalla foi desastrosa, e o conde Balduíno foi feito prisioneiro; Tancredo pasou a ser rexente de Edesa na súa ausencia. Tancredo e Bohemundo prefiriron pagar os rescates polos seus propios prisioneiros aos selxúcidas que acordar un intercambio por Balduíno, polo que o conde estivo prisioneiro en Mosul até 1108, cando foi rescatado por 60 000 dinares por Xoscelino de Courtenay. Tancredo negouse a devolverlle Edesa, pero co apoio dos armenios, os bizantinos e incluso dos selxúcidas, Tancredo vise obrigado a retirarse. En 1109, tras reconciliarse con Tancredo, os dous participaron no asedio de Tripoli.
En apoio a Balduíno durante o ataque a Damasco estaba tamén o seu novo xenro Fulco V de Anjou. Balduíno tivera catro fillas con Morfia: Melisenda, Alicia, Hodierna e Ioveta.
En 1129 Balduíno designou a Melisenda como a súa herdeira, e acordou seu matrimonio con Fulco. Alicia e Hodierna tamén casaron con importantes príncipes, Bohemundo II de Antioquía e Raimundo II de Trípoli, respectivamente. En 1131 Balduíno enfermou, morrendo o 21 de agosto. Foi enterrado na Igrexa do Santo Sepulcro.
Guillerme de Tiro describe a Balduíno como "un home devoto e temeroso de Deus, notábel pola súa lealdade e pola súa grande experiencia en asuntos militares", e di que o seu sobrenome era "o Espiñoso" (cognominatus est Aculeus). Ibn al-Qalanisi, que se refire a el como "Balduíno o Menor" (Baghdawin al-ru'aiuis) para distinguilo de Balduíno I, sinala que "non había outro entre eles que tivese un xuíz tan sagaz e tal capacidade de goberno". Melisenda, herdeira por dereito do reino, sucedeu ao seu pai xunto con Fulco como seu consorte. Os novos reis foron coroados o 14 de setembro de 1131.