Aurelio Rodríguez Charentón, nado en Águilas (Murcia) o 19 de decembro de 1895 e finado na Cañiza o 25 de setembro de 1962, foi un mestre e pedagogo español. Coa súa obra contribuíu, xunto con outras figuras do seu tempo, a estabelecer unha renovación do ensino.
Traxectoria
Aurelio Rodríguez Charentón naceu o 19 de decembro de 1895 en Águilas (Murcia). A súa nai, María Charentón Pérez, natural de La Unión (Murcia), finou uns días despois de nacer Aurelio. O seu padre, Juan Rodríguez Marín, natural da pedanía de La Ñora, próxima á cidade de Murcia, era mestre. Debido a este exercer durante varios anos en Cataluña (Taradell e Cerdanyola), Charentón estudou o bacharelato por libre no Instituto General y Técnico de Barcelona a partir do curso 1905-1906.
En 1910 iniciou os estudos de maxisterio na Escuela Normal Superior de Maestros de Barcelona. Tras o traslado do seu pai á escola de Santomera (Murcia), continuou os estudos na Escuela Normal de Maestros de Murcia, os cales finalizou en 1912.
En 1918 obtivo praza por oposición no Maxisterio nacional na Escuela de Beneficencia de Ávila. En 1920, durante a súa estadía na cidade, ingresou como alumno oficial da Sección de Ciencias da Escuela de Estudios Superiores del Magisterio. Foi o número un da súa promoción.
O 16 de xuño de 1922 casou en Águilas con Isabel Barberá Charentón, prima carnal súa. O 23 de abril de 1923 naceu o seu primeiro fillo, José Luis, que finou con nove anos.
O 30 de xullo de 1923 o Concello de Madrid convocou oposicións. Charentón obtivo unha praza como mestre de entrada do ensino municipal benéfico-colexiado de Madrid. Comezou a desempeñar a súa tarefa en xaneiro de 1924 no colexio Nuestra Señora de la Paloma.
Tras pedir a excedencia como mestre municipal de Madrid, en 1927 comezou a exercer como profesor da área de ciencias da Escuela Normal de La Laguna (Tenerife).[1]
En abril de 1928 foi nomeado profesor de Matemáticas de dito centro.[2] O 30 de xullo de 1928 naceu en La Laguna a súa segunda filla, María Luisa.
En 1930 fora destinado por concurso á Escuela Normal de Pontevedra.[3] Porén, non chegou a ocupar a praza de Matemáticas que se lle adxudicara por serlle concedida a excedencia como profesor de Escuela Normal.[4] Trasladouse a Madrid e exerceu de novo como mestre do ensino municipal.
O 23 de febreiro de 1932 solicitou unha bolsa á JAE cando exercía como mestre municipal no colexio Nuestra Señora de la Paloma. Gozou dita bolsa a partir de decembro dese ano en Francia, Bélxica e Italia, países onde traballou con Alfred Binet, Ovide Decroly, Édouard Claparède e Maria Montessori.[5] En 1933 afiliouse á Agrupación Socialista Madrileña, núcleo orixinario do PSOE.
Dirixiu o Colegio de Huérfanos de Ferroviarios de Madrid dende maio de 1934 até xuño de 1936. En xullo dese ano foi nomeado director do colexio Nuestra Señora de la Paloma, onde xa exercera anteriormente.
En novembro de 1936, xa na Guerra Civil española, tivo que evacuar o alumnado do colexio a Barcelona, onde estivo a cargo deste. A súa actuación foi cuestionada polo Concello de Madrid, que o expedientou. Foi cesado como mestre municipal e como director do colexio. Ante esta situación trasladouse a Murcia, onde residiu dende decembro de 1936 até marzo de 1937. Nese período foi membro da Brigada Especial Antifascista das Milicias Populares da cidade.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
- López Martínez, J. D.; Delgado Martínez, M.ª Á. (2011). "Aurelio Rodríguez Charentónla educación moral y civica a través de su obra. La moral en la vida". Arte y oficio de enseñar (en castelán) 2. pp. 401–410. ISBN 978-84-694-4490-0.
- López Martínez, José Damián (2014). Aurelio Rodríguez Charentón, un maestro en el olvido (en castelán). Universidad de Murcia, Servicio de Publicaciones. ISBN 9788416038473.
Ligazóns externas