Ardóbriga, asociación cultural para a protección do patrimonio é unha asociación cultural creada en Pontedeume o 24 de outubro de 2008 coa finalidade de protexer o patrimonio cultural en xeral, salvagardar as estacións arqueolóxicas existentes, e conservar o patrimonio toponímico. A motivación principal do grupo de persoas que crearon a asociación foi, nas súas propias palabras, a toma de conciencia do risco de desaparición do patrimonio cultural legado polas xeracións pasadas e do que a sociedade actual semella non ser quen de transmitir para uso e desfrute das vindeiras.
O seu ámbito de acción é o do territorio que hoxe ocupan os concellos de Miño e Pontedeume. Estes dous municipios manteñen unha estreita relación desde tempos remotos manifestada na súa pertenza secular ao arciprestado de Pruzos; na espectacular estación arqueolóxica do castro de Centroña-Perbes, cuxo soar se espalla por ambos concellos e no que converxen catro límites parroquiais; e no santuario do monte de Breamo, de probables orixes precristiás.
As actividades da asociación clasifícanse en dous tipos: as de comunicación coa sociedade e as de investigación. Entre as primeiras están as conferencias e charlas, excursións culturais, obradoiros e publicacións de artigos e estudos en revistas especializadas. No programa de investigación destacan os proxectos da toponimia dos concellos de Pontedeume e Miño, os dos castros de Centroña e da Insua, e o do Fondo documental e bibliográfico Ardóbriga.
Para levar a cabo as actividades mencionadas, a asociación conta cos seguintes recursos: