Evolución da poboación das Somozas Fontes: INE e IGE.
1900
1930
1950
1981
2004
2009
2011
2012
2013
2014
2015
2016
2017
2018
2019
2020
2021
2022
2023
3801
3934
3962
2004
1403
1279
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)
Xeografía
Os 71,4 km² polos que se estende este concello son bastante accidentados, aínda que de altitude escasa: as maiores altitudes son as de Vilalbesa (583 m), Pena dos Ladróns (620 m), Naveira (523 m), Lameira (518 m) Barreiros (538 m) e Cortello (484 m), todas elas nas parroquias de Seixas e Recemel. Atravésano o río Mera e o río Grande de Xuvia; o primeiro conforma o límite con Ortigueira e desemboca na ría de Ortigueira e o segundo nace na confluencia dos ríos Ferreiras e Grande.
Historia
Grazas á súa situación estratéxica, arrodeada de vales e montañas, todo o territorio do concello das Somozas foi visitado por numerosas culturas ao longo da súa historia. Da época castrexa consérvase o Castro de Marván (Seixas).
No dominio musulmán, foi imposto un tributo aos seus habitantes, coñecido como Tributo das Cen Doncelas, polo que numerosas mulleres foron apresadas e trasladadas aos seus haréns. Eran despedidas polos seus achegados dende o Monte Marbán. Pénsase que a denominación de 'Somozas' provén dun nobre francés chamado Sumaças, que venceu aos musulmáns e que foi recompensado con terras na zona[1].
O territorio das Somozas pertenceu a distintos clans señoriais e a varias xurisdicións. Algúns dos nobres máis importantes que dominaron estas terras foron a Duquesa de Lemos, o Conde de Maceda e o Marqués de San Sadurniño.
O concello das Somozas constituíse no ano 1836, intre no que xurdiron os primeiros concellos constitucionais, formando parte da provincia histórica de Betanzos. Posteriormente, no ano 1845, incorporouse a parroquia de Recemel, desvencellándose de Moeche, e, máis tarde, no ano 1895, formáronse as de Enchousas e Seixas, ao se dividir a parroquia principal.
Na actualidade, As Somozas é un concello rural, adicado á agricultura e á gandería e arrodeado de vales e montañas que lle proporcionan un clima oceánico con temperaturas agradables.
O 19 de xaneiro do 2014, falece o actual alcalde Manuel Candocia Ramos, a causa dun infarto mentres presenciaba un partido do equipo do Unión Deportiva Somozas, do que tamén era presidente[2].
Goberno municipal
Ao longo da democracia, Manuel Candocia non deixou nunca de ser alcalde das Somozas. Inicialmente, coa UCD e ata 2014, data na que falece, co PP. Non só ven revalidando unha ampla maioría absoluta, senón que esta é, cando menos, abafante.
Durante varias lexislaturas, o PP contou con 8 concelleiros e unicamente un edil na oposición do PSdeG-PSOE. En 2019 rómpese esta dinámica e entra na corporación municipal un partido independente (Alternativa por Somozas) con 2 concelleiros, ampliando a corporación municipal a tres partidos, algo que non se daba dende as primeiras eleccións de 1979. Xa nas últimas eleccións de maio de 2023 o BNG entra por primeira vez no concello con dous edís, mentres que Alternativa por Somozas baixaría a un e o PSdeG-PSOE desaparecería.
Economía
A economía, aínda que marcadamente agrícola, vai perdendo peso a medida que vai medrando o Polígono industrial das Somozas, onde se localizaron industrias dedicadas ás novas tecnoloxías como a construción de aeroxeradores (Gamesa) e plantas de rexeneración de materiais industriais e reciclaxe (a maioría do chapapote do Prestige será tratado aquí). Tamén conta con explotacións forestais de eucalipto, gando vacún e cultivos de kiwi e autoconsumo, que como moito, son vendidos nos mercados e feiras de Moeche e As Pontes de García Rodríguez, transformación da madeira en serradoiros e a existencia dunha embotelladora de leite.
Case unha cuarta parte dos traballadores viaxan até As Pontes, pois están empregados por Endesa ou as súas empresas auxiliares.
A poboación é moi dispersa e o lugar de maior tamaño, Igrexa, rolda os 100 habitantes.
Lugares de interese
Igrexa de Santiago Seré, A Igrexa de Santiago é o monumento máis importante do Concello. Atópase na capital, As Somozas, no lugar coñecido como A Igrexa, presidindo o centro urbano da poboación. É un templo de estilo barroco, levantado no século XVIII, con planta rectangular e tres naves cubertas de madeira. Merece especial mención na súa fachada principal a torre campanario de grande altura, visible dende case que calquera punto da poboación. Está coroada por unha cúpula octogonal, rematada por un pináculo sobre o que se sitúa unha cruz de ferro.
Ermidas, en todo o Concello levántanse numerosos templos cun gran valor histórico-artístico. Merecen especial mención as ermidas de San Pedro, en Enchousas; do Socorro, en Recemel; de Nosa Señora de Francia, no Campo; de San Isidro, na Graxoiba; de San Bartolomeu, en Seixas, e as ermidas de San Cidre, San Pedro e Santo Estevo, nas Somozas.
Montañas, Os picos de maior altura son Pena dos Ladróns, de 620 metros de altitude; Gradoi, de 357, e o histórico Marbán, que acada os 316 metros, lugar dende onde despedíanse os habitantes da poboación das doncelas cativadas polos musulmáns.
Área recreativa da Queiroga, localízase ao nordeste das Somozas, nos arredores do río Mera, visitado polos amantes da pesca pola presenza de troitas. Atópase arrodeada por fragas e conta nas súas instalacións con mesas, bancos e grellas. Merecen especial mención un antigo muíño de auga e varios refuxios de pescadores.