Antonio José Quintela Ferreiro, nado en Lugo o 22 de maio de 1912, foi un mestre, escritor e xornalista galego.
Traxectoria
Era fillo de Francisco Quintela Pallín e Aurora Ferreiro Varela, e irmán do tamén escritor Luís Quintela Ferreiro. Estudou maxisterio na Escola Normal de Santiago de Compostela, rematando en 1928. Foi nomeado mestre interino de Mourence en 1930.[1] Mestre na escola creada pola Liga Santaballesa en Santaballa (1932-1936) na que editaba o xornal infantil Antorcha (1934-1936), e na que tamén impartía leccións de Dereito e Economía.[2] Colaborou en El Progreso, Vida Gallega, El Momento e Faro Villalbés do que foi director entre febreiro e xuño de 1936.[3] Foi autor de varias pezas teatrais para representación escolar e escribiu un libro de poemas e a novela Lucha, que apareceu en 1936.[4]
Directivo de Izquierda Republicana, co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 foi detido o 30 de agosto, saíndo en liberdade o 5 de setembro. Trasladado á escola de Bagueixos (Tirimol, Lugo),[5] foi expedientado e sancionado por responsabilidades políticas.[6] Combateu no exército sublevado como alférez provisional de Infantaría, destinado na Quinta División, pasando en agosto de 1938 ao cuarto Batallón do Rexemento de Infantaría Zamora número 29.[7] En febreiro de 1940 foi destinado como oficial a Caixa de Recruta número 64 de Lugo,[8] e en maio dese ano foi nomeado mestre de Mosteiro en Palas de Rei pola Xunta provincial de Primeiro Ensino de Lugo.[9] Sometido a expediente de depuración, foi confirmado no cargo de mestre de Feiranova en 1941.[10] En 1943 trasladouse a Barcelona destinado ao Grupo Escolar Reyes Católicos. En Barcelona estudou Filosofía e Letras. Estivo vinculado ao Centro Galego de Barcelona e colaborou en Alborada. Pasou ao Grupo Escolar Víctor Pradera e en 1961 trasladouse a Massamagrell (Valencia).[11] Despois da guerra publicou varias novelas.
Obras
- Ensayos poéticos, 1930.
- Lucha, 1936.
- Espíritu y carne, 1939.
- El enigma de un muerto, 1944.
- La diosa del bosque, 1944.
- Exámenes de Amor, 1950.
- Matrimonio urgente, 1955.
- Cumbres amorosas, 1958.[12]
Notas
- ↑ El Progreso, 4-3-1930, p. 1.
- ↑ Un tiempo pasado fue mejor
- ↑ El Pueblo Gallego, 5-2-1936, p. 9.
- ↑ El Progreso, 4-7-1936, p. 6.
- ↑ El Progreso, 20-9-1936, p. 4.
- ↑ BOP Lugo, 7-5-1941, p. 4.
- ↑ BOE, 26-8-1938, p. 920.
- ↑ El Correo Gallego, 1-2-1940, p. 3.
- ↑ BOP Lugo, 24-5-1940, p. 2.
- ↑ El Progreso, 7-9-1941, p. 2.
- ↑ BOE, 4-10-1961, p. 14338.
- ↑ Obras en Rede de Bibliotecas de Galicia. www.opacmeiga.rbgalicia.org.
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas