Estudou na Escola de Debuxo de Sevilla. En 1831, xa casado, trasladouse a Madrid, onde foi nomeado académico da Real Academia de Belas Artes de San Fernando. Durante unha longa enfermidade perdeu temporalmente a visión debido a unha afección herpética, o que o levou a unha depresión (tentou botarse ao río en dúas ocasións) da que logrou saír grazas á intervención de Xenaro Pérez Villamil. Este abriu unha subscrición no Liceo Artístico e Literario de Madrid para lograr os fondos cos que custear un tratamento cun médico francés, cousa que conseguiu coa colaboración dos principais artistas españois do momento. Trala súa recuperación, en agradecemento á Sociedade, entregoulle o seu cadro A caída de Luzbel, e lembrando a moitos daqueles que colaboraron pintou o seu célebre "Os Poetas" (1846), onde os retratou. Hai que lembrar que un dos pintores que colaboraron á rifa entregando unha das súas obras foi o compostelán Ramón Antonio Gil Rey, membro coma el da Real Academia de Belas Artes de San Fernando.
Entre as súas obras están, de tema relixioso Adán e Eva, A casta Susana, O anxo das ánimas, A virxe de Belén, Xesús no horto e O milagre do resucitado en Rami; de tema histórico A campá de Huesca; de tema mitolóxico O nacemento de Venus; e os retratos Isabel II e a infanta Luisa Fernanda, Julián Romea, O neno Manuel Flores Calderón e Dona María Cristina.