Antonia Rodríguez López, nada en Soulecín (Santigoso, O Barco de Valdeorras) o 6 de xaneiro de 1925 e finada en París o 7 de setembro de 2012, foi unha guerrilleira antifranquista galega.
Traxectoria
Filla de Domingo Rodríguez Fernández e Amalia López, un dos seus irmáns, Rogelio, pasouse ao Exército republicano. Isto trouxo consigo o encarceramento do pai e doutro irmán, que pasaron seis meses na prisión do Barco. O 18 de outubro de 1939 os seus pais foron fusilados en Soulecín, e os seus catro irmáns fuxiron ao monte, onde caeron en combate coas forzas franquistas entre 1941 e 1949. Coa súa irmá Consuelo Rodríguez López (Chelo) actuaron como axentes do Servizo de Información Republicana (SIR), como enlaces coa guerrilla,
Antonia e Chelo estiveron encarceradas no Barco, Ponferrada e León. E ao comprobar que perigaba a súa vida, escaparon para o monte, á denominada Cidade da Selva, situada nos montes da Serra do Eixo (Carballeda de Valdeorras), onde se encontraba o campamento base dos guerrilleiros. Alí continuaron a súa relación cos guerrilleiros asturianos César e Arcadio Ríos Rodríguez.
Tiveron que fuxir en xullo de 1946, cando as forzas franquistas descubriron o campamento. Antonia e Chelo Rodríguez ocultáronse en casas de apoio de Ourense e O Bierzo, ata que se tiveron que separar en Berlanga del Bierzo (León), en 1947, despois de chegar á conclusión de que xa houbera "demasiadas mortes na familia".
Antonia marchou co guerrilleiro César Ríos. Conseguiron embarcar para Francia en outubro de 1948, en Luanco (Asturias), e dous días despois atracaron no porto de Saint-Jean-de-Luz (Francia). Primeiro residiron no sur do país como exiliados, e máis tarde instaláronse en París, onde César Ríos traballou como practicante. Tiveron unha filla, Irma Ríos, que é profesora de español. César Ríos faleceu en 1997.
Recoñecementos
O Concello do Barco rendeu homenaxe en xullo de 2004 aos pais de Antonia, Domingo Rodríguez e Amalia López, colocando un monólito no camiño denominado lugar de Sampaio (Soulecín), onde fora fusilado o matrimonio.
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas