Os anticorpos primarios e secundarios son dous grupos de anticorpos que se clasifican segundo se unan directamente a antíxenos ou proteínas ou ben teñan como diana outro anticorpo (primario), que, á súa vez, está unido a un antíxeno ou proteína.
Un anticorpo primario pode ser moi útil para a detección de biomarcadores para enfermidades como o cancro, diabetes, párkinson e alzhéimer e utilízanse para o estudo da absorción, distribución, metabolismo e excreción (ADME) e resistencia a multidrogas (MDR) dos axentes terapéuticos.
Os anticorpos secundarios proporcionan detección e amplificación de sinal e estenden a utilidade dun anticorpo por medio da súa conxugación a proteínas.[1]. Os anticorpos secundarios son especialmente eficientes en inmunoetiquetaxe. Os anticorpos secundarios únense aos anticorpos primarios, que están directamente unidos aos antíxenos diana. En inmunoetiquetaxe, o dominio Fab dos anticorpos primarios únese a un antíxeno e expón o seu dominio Fc a un anticorpo secundario. Despois, o dominio Fab do anticorpo secundario únese a un dominio Fc dun anticorpo primario. Como o dominio Fc é constante dentro dunha mesma clase animal, só cómpre un tipo de anticorpo secundario para unirse a moitos tipos de anticorpos primarios. Isto reduce o custo de etiquetar un só tipo de anticorpo secundario, en vez de etiquetar varios tipos de anticorpos primarios. Os anticorpos secundarios axudan a incrementar a sensibilidade e amplificación de sinal debido á unión de múltiples anticorpos secundarios a un anticorpo primario.[2]
Os anticorpos secundarios poden ser conxugados a encimas como a peroxidase do ravo picante (HRP) ou a fosfatase alcalina (AP); ou a tinguiduras fluorescentes como a fluoresceína isotiocianato (FITC), derivados da rodamina, tinguiduras Alexa Fluor; ou outras moléculas para ser utilizada en varias aplicacións. Os anticorpos secundarios son usados en moitos ensaios bioquímicos[3] como os seguintes: