Unha análise é un estudo dun elemento para coñecer as súas características, calidades ou o seu estado, coa fin de determinar os seus fundamentos, bases e motivos da súa creación, orixe e xurdimento, para así poder sacar conclusións.
A palabra análise deriva do termo grego ἀνάλυσις. Este pode ser dividido en 3 partes:
O prefixo ἀνά, que significa arriba, enteiramente.
O verbo λύειν, sinónimo de lyein, que quere dicir soltar ou descompoñer.
O sufixo -σις, equivalente a -sis, acción.
Proceso de analizar
Análise estrutural
Para comezar, débese observar o problema na súa área externa completa. Esta acción permite concretar as características e parámetros específicos que serán posteriormente analizados máis profundamente. Así mesmo, establécense as variables que serán examinadas máis detalladamente e estudadas na análise exhaustiva. Este proceso tamén se tende a denominar análise sintética.
Análise exhaustiva
Na análise exhaustiva dívidese o conxunto do problema en pequenas partes e elementos principais. A continuación investígase cada un polo miúdo, o que permite revelar a procedencia e a finalidade de cada un dos suxeitos estudados.
Tipos de análise
Pódese contemplar facilmente o que é o proceso da análise en ramas da ciencia coma as matemáticas e a química.
A análise química é a ciencia que estuda o conxunto de principios, leis e técnicas mediante as cales se pretende determinar a composición química dunha mostra natural ou artificial. Divídese en analítica cualitativa e analítica cuantitativa. A primeira céntrase en coñecer os elementos que forman as mostras, mentres que a segunda determina as cantidades dos devanditos elementos.
Concepción kantiana da análise
Kant considera que a análise pasa a formar parte da teoría xeral da ciencia "ao eliminar da ciencia os xuízos analíticos e ao facer dos xuízos sintéticos a priori a condición mesma da construción científica". Por outra parte, determina síntese coma un antónimo de análise. Segundo a súa teoría, a síntese consiste no exame dos aspectos xerais dun obxecto, mentres que na análise descompóñense cada un dos seus elementos. Non obstante, débese diferenciar cando existe unha relación de identidade entre cada unha das partes e o total, e cando non. En definitiva, o concepto de análise non ten un significado gnoseolóxico exento, é dicir, vai ligado a un contexto ou teoría. A grandes trazos, afirma que a análise equivale á conexión idéntica total, mentres que a síntese abarcaría todo aquilo que non é analítico.