O aeroporto de Novosibirsk-Tolmachevo (IATA: OVB, OACI: UNNT) é un aeroporto situado na cidade de Ob, a 16 quilómetros do centro de Novosibirsk, un centro industrial e científico en Siberia e a terceira cidade máis grande de Rusia. Está operado por Novaport dende o ano 2011.[2][3]
O aeroporto ten dúas pistas activas, unha gran terminal de pasaxeiros con dúas seccións conectadas (a sección A para voos domésticos e a B para internacionais), dúas terminais de carga e 61 posicións de estacionamento para avións.
O aeroporto está situado no medio da ruta entre algunhas importantes cidades de Asia Oriental e Europa, o que o fai atractivo para aeroliñas de carga que o usan para paradas de repostaxe. Serve tamén como un aeroporto de desvío para a ruta polar 1.[4][5]
Tolmachevo é o aeroporto máis concorrido de Siberia e o oitavo de Rusia.[6] No ano 2017 pasaron polas súas instalacións un total de 5 007 302 pasaxeiros[1] e manexou 29 441 toneladas de carga.[7]