O aeroporto de Istanbul-Sabiha Gökçen (IATA: SAW, ICAO: LTFJ) é un dos dous aeroportos internacionais que serven a Istanbul, a cidade máis grande de Turquía (o outro é o aeroporto de Atatürk. Situado a 35 km ao sueste do centro da cidade, Sabiha Gökçen atópase na parte asiática e é centro de conexións para Pegasus Airlines, ademais dunha base para Turkish Airlines e Borajet. Foi bautizado na honra de Sabiha Gökçen, a primeira piloto de combate de Turquía e filla adoptiva de Mustafa Kemal Atatürk, o presidente fundador da República de Turquía.
O aeroporto construíuse debido a que o aeroporto de Atatürk, situado no lado europeo, non era o suficientemente grande para satisfacer a crecente demanda de pasaxeiros, tanto domésticos como internacionais. En xuño de 2007 o consorcio formado polo conglomerado turco Limak Holding, o grupo indio GMR Group e Malaysia Airport Holding Berhad (MAHB) gañou o contrato para mellorar e manter o aeroporto. A mediados de 2008 comezaron as obras para ampliar a terminal internacional e conseguir unha capacidade de 25 millóns de pasaxeiros anuais. A nova terminal inaugurouse o 31 de outubro de 2009.
A capacidade da terminal internacional era orixinalmente de 3 millóns de pasaxeiros por ano, e a doméstica tiña unha capacidade de 0,5 millóns anuais. No ano 2010 por Sabiha Gökçen pasaron 11 129 472 pasaxeiros, un incremento dun 71% con respecto a 2009.[1] No ano 2011 prevíase que se alcanzarían os 25 millóns cara 2023,[2] pero no ano 2015 pasaron polo aeroporto máis de 28 millóns de pasaxeiros.
Con 29 577 735 pasaxeiros e 206 180 operacións en 2016, Sabiha Gökçen é o segundo aeroporto cunha única pista máis concorrido do mundo (Londres-Gatwick ten dúas pistas pero só pode operar como un aeroporto dunha única pista). A día de hoxe estase a construír unha segunda pista que debería estar operativa no ano 2019.[3]