O aeroporto de Catania-Fontanarossa (IATA: CTA, ICAO: LICC) tamén chamado aeroporto Vincenzo Bellini, é un aeroporto internacional situado a 4,3 km ao suroeste de Catania, a segunda cidade máis grande da illa italiana de Sicilia. Chámase así na honra do compositor de ópera Vincenzo Bellini, que naceu en Catania.
É o aeroporto máis concorrido de Sicilia e o sexto de Italia con 7 914 117 pasaxeiros no ano 2016. Grandes aeroliñas como Alitalia, Lufthansa e KLM ofrecen servizos no aeroporto e conectan numerosos destinos europeos como Roma, Múnic, Ámsterdam e Berlín, mentres que aeroliñas de baixo custo como easyJet e Ryanair ofrecen un bo número de voos a destinos de lecer.