Á lus do candil

Á lus do candil
Título orixinalÁ lús do candil
Autor/aÁnxel Fole
OrixeGaliza
Linguagalego
Xénero(s)Contos
EditorialGalaxia
Data de pub.1953
Seguido porTerra brava. Contos da solaina
editar datos en Wikidata ]

Á lus do candil (orixinalmente Á lús do candil), subtitulada Contos a carón do lume, é a primeira obra narrativa do escritor galego Ánxel Fole. En 1952 foi premiada polo Centro Galego de Bos Aires, e en 1953 foi editada por Galaxia, con ilustracións de Xohán Ledo.

Características

Os relatos foron escritos na época en que viviu na Veiguiña (O Hospital, Quiroga) e reflicten os costumes e crenzas populares do Incio, Quiroga e o Courel. Conta cun limiar de Salvador Lorenzana,[1] o seu valedor en Galaxia.

O libro está composto por unha introdución e catorce relatos. O primeiro deles serve como inspiración dos seguintes, cunha estrutura macro da acción en espiral, creadora do espazo en que se desenvolve. Catro fidalgos van cazar á Serra do Courel, mais fican illados pola neve e pasan as noites na torre en que se aloxan contando contos á luz do candil. Os contos falan de lobos, de premonicións e de aparecidos.

"Terra de Caurel, aspra e forte, de inxente beleza... Terra brava de lobos e águias; terra outa de fragas e devesas."

Relatos

Terra do Caurel

Hai un tempo que vive como administrador dos señores de Basilie na terra brava do Courel. Fala da casa e dos cans, da flora da zona.[2] Tamén dos lugares, do clima, da fauna, das festas, das cantigas e, sobre todo, fai unha boa descrición das particularidades da fala da contorna do Courel e Quiroga. Veñen cazar catro señoritos. Ponse mal tempo e teñen vagar para contar contos na cociña “á lus do candil”.

"O Carrozo era o que contaba os contos máis belidos, aínda que todos andivéramos á puxa. Cada noite contaba dous ou tres. Eu coido que os inventaba. Ó día seguinte eu escribíaos nun caderno que tiña na lacena do comedor. Que importa quen os contara? Cada un falaba según o xeito da súa terra. [3]"

¡Viña do alén!

Na feira de Rubián de Baixo os tratantes xantan e logo botan a partida nun reservado. El ve un home vestido de negro que non parecía do noso tempo. De súpeto desaparece e logo ve que é o mesmo home que está retratado nun cadro. Asústase e baixa á taberna a falar co dono, o Tumbeirón. E este cóntalle a historia do médico don Venancio que non deu salvado da gripe a muller e as fillas. Deuse á bebida e ao xogo e foi perdendo e vendendo todo. O taberneiro mercoulle o retrato e confésalle que tamén se lle apareceu á súa muller. Rematada a partida marchan nas cabalgaduras. El sente como se algo se lle cravase na caluga, volve a cabeza cara a atrás e alí está o home de negro que vira en Rubián…

"Acenábame coa mao dereita. Tiña algo nila. Non era un pano; máis ben unha carteira. Endexamais volvín a coller as cartas”. [4]"

Tamén fai chiscadelas ao lector/oínte:

"Esquecinme de decirlles que xogabamos nun cuarto piso. [5]"

O Lordanas

Polo medio di:

"Volvamos ó conto. Xa sei ondia iba. [6]"

Conto ambientado en Lugo, que lle contou o seu padriño e sucedeu alá polos finais do século XIX. O enterrador era o Lordanas. Comía e botaba a sesta no cemiterio. Un día esperta tarde e xa con noite, bótase unha boa treboada. Entre os lóstregos ve un home con chisteira que semellaba un defunto, cada vez se achega máis e vai lendo nas lápidas. O Lordanas diante daquela aparición bota a correr e non para ata a casa. E xa non foi home para máis nada, dous meses na cama e para a cova. A meiga de Grolos dixo que collera un aire do outro mundo. O Lordanas morrera por fato.Dous anos despois sóubose todo. O louco Montero andaba falando só, levaba chisteira e tiña mala cara, coma un defunto. Un veciño vírao entrar no cemiterio.

"Foi cousa ben rara que nen il nen a xente da familia pensase no tolo Montero, sendo tan coñecido. Dios nos arredre das cousas dos loucos. [7]"

Os lobos

Comeza cunha afirmación Moitas veces ouvín decir que os lobos non atacan as persoas. E iso non é certo. [8] Como o caso do secretario de Caldas que foi comido por eles e iso que levaba un revólver de seis cartuchos. Ó lobo se non se lle fire de morte é pior. Eu matei un con dous tiros de postas… Cecais non se me arrepuxo porque era de día… De noite médralles o corazón e son moi valentes. [9] O señor cura de Peites tamén matou un lobicán. Describe como os lobos “traballan” á xente, como a acompañan, así lle pasou ao Pastrán de Visuña. E logo conta o caso principal do relato:

"“Todos coñecedes coma min ó Emilio, o castrador de Rugando, atendede ben e xa sabereis que é certo todo canto levo dito encol dos lobos” . [10]"

Era pola Santa Lucía (13 de decembro), nunha noite de moita néboa bótase ao camiño desoíndo os consellos de que quedase a durmir. Os lobos vanse achegando aos poucos e vano traballando. Remata as pedras e os fósforos, aos lobos relócenlles os ollos, un deles arríncalle o caxato, danlle cos rabos nas pernas. Cando xa se ve perdido escoita voces, son os seus tres cuñados e os cans que o andaban buscando. Cae desmaiado. Remata:

"Pra que vexades como traballan os lobos á xente.[11]"

Extras para este conto

  • A Xunta de Galicia, realizou un vídeo sobre o conto.[12]
  • Ogalego.eu ten un comentario completo do conto.[13]
  • Claudio Rodríguez Fer ten un comentario do conto no libro Contos de lobos (1985). Xerais

A caixa de morto

Foi antes da Guerra de Cuba, había moitos ladróns polos camiños, algún en bandas.

"Meu pai fora caseiro na torre do Conde i eu servirá alí de pastor, cando era un rapaciño. Xa verán señoritos, que conto tan intresante.[14]"

Describe a casa, os señores, os criados, as terras. E sobre todo o administrador don Froilán e Lombo de Palla. Hai moito medo aos ladróns e hai ouro dentro do pazo. Chegan dous homes cunha caixa de defunto, din que é para unha moza que morreu de parto, queren deixala e volver ao día seguinte collela. O administrador non se nega. Mais el, o rapaz, escoita buligar dentro da caixa e os cans non fan máis ca ladrar cara a ela. Convence a don Froilán que vaia vela. Este toma todas as precaucións, colle a escopeta e Lombo de palla a machada. Van alá e disparan ao cadaleito, sae sangue e o criado remata a faena coa machada. Dentro había un home cun revólver e un coitelo. Estaba todo preparado para roubar o pazo. Ao día seguinte vén a xustiza. O administrador dálle unha onza ao rapaz, que é quen conta o conto:

"Máis de vinte anos tiven a onza de ouro que me dira don Froilán. Era moi bon home. Que Dios o teña na Groria. .[15]"

Arxemiro

El e mais Arxemiro criáranse xuntos. Despois el marchou estudar medicina e cando volveu de mozo o Arxemiro chamoulle señorito e el protestou. Quedaron xuntos e foron ás festas cando o rapaz vén de permiso da Guerra de África, no 21 cando o desastre de Annual. Logo á hora de durmir el soña cunha grande serpe cando o vén chamar Arxemiro porque acaba de verse no leito a el mesmo morto. Tenta tranquilizalo. Non o volve ver e acabará sabendo que Arxemiro morreu en Monte Arruit. E remata o relato: Pobre Arximiro!

¡Aleluia!

Por problemas de amores marcha un tempo á costa, despois de ir por moitos sitios acaba en Vigo. Anda moito porque ten medo a ir deitarse cedo. Querendo ir cara ao porto pérdese por unha rúa, comeza a escoitar detrás del un ta, ta, ta que o pon nervioso. Escapa para a casa. Métese no cuarto cando volve escoitar o ta, ta, ta e mesmo ve por enriba da porta nos cristais unha figura cadavérica, era o home da cachava que viña por el. Estira o brazo para coller a cadeira e bota moito tempo. Abre os ollos e non hai nada, séntese na gloria e:

"E peguei iste berro: Aleluia! E xa nunca volvín soñar con aparecidos. .[16]"

O documento

Sucedeu estando de mestre en Amandi, uns vinte anos antes. O mozo Manuel está subido a un freixo e ameaza con tirarse porque non o quere a Sabela. A xente tenta convencelo, pero non hai xeito. Nin o seu tío nin o cura. Mais chega a un trato co seu tío, van buscar o pedáneo para que redacte o testamento do mozo e asinarao subido á árbore. No testamento véndelles todos os seus bens aos tíos e renuncia ao cobro por téreno criado. Chega o Fidalgo e ameaza ao rapaz con baixalo dun tiro e darlle unha morte dolorosa. Baixa o rapaz e beben e comen. O tío láiase de que o documento quedase na cima da árbore e o fidalgo se metese onde non o chamaran.

Extras do relato

  • Hai unha curtametraxe de 1974 inspirada no relato (ficha[17]) (vídeo[18]).

O espello

No pazo de Orbande vive a súa tía Rosa María, celibata que tivera amores pero non foran a ramo. Fala do pazo, dos tempos da Francesada. El, que é poeta, vai ir co seu curmán Henrique (estudante de médico) botar unha tempada ao pazo. E coma se o narrador se perdese di:

"Mais coido que estou esbardallando. A que vén todo isto?[19]"

Unha noite ve saír dun espello un cabaleiro que anda revolvendo nunha mesa, pero o curmán non ve nada. Revolven nesa mesa e ven cartas e documentos do antigo amor da tía. Uns días despois ven que morreu en Madrid don Eugenio Losada de Zúñiga, que fora o namorado da tía. Logo o curmán explícalle que todo fora un soño provocado polo subsconsciente.

Antón de Cidrán

O señor de Sabarei contoulle en Lugo o caso. Era moi amigo de Antón de Cidrán, comeron no San Froilán e trataros asuntos de compras. Logo volveron para as casas e no camiño Antón viu por momentos unhas luces que levaban unha caixa de morto. O de Sabarei non lle fai caso. Ao día seguinte Antón foi varear unhas castañas, caeu do castiñeiro e espetouse nun estadullo do carro. Conclúe:

"É ben certo que o que ve o seu enterro en vida, xa está cun pé no outro mundo. .[20]"

Os difuntos falaban castelao

Foi nunha taberna na ribeira do río Sil. Están dous mozos e chega de cazar un labrego rico. Entra un rapaz todo asustado porque ao pasar polo cemiterio escoitou como dentro uns defuntos falaban en castelán (abrázame, amor mío, seremos felices por toda la eternidad). Deciden ir ver o sitio e o cazador leva a escopeta. Escoitan por fóra do muro como conversan en castelán un home e unha muller e falan de quentar os ósos, de levaren con eles dous mozos e o da carabina. Collen tal medo que botan a correr e dispárase a escopeta. Logo sóubose polo enterrador a historia. Eran dous noivos que tiveran a última cita no camposanto antes de fuxiren porque non os deixaban casar. O enterrador cobroulles vinte pesos. E conclúe:

"Ninguén se debe poñer a escoitar detrás dunha porta e menos tras da porta do camposanto.[21]"

Extras do conto

No 2004 fíxose unha curtametraxe de animación sobre este relato (ficha[22]) (vídeo[23])

A cabana do carboeiro

Hai vinte anos que el mais o Ricardo foron ver a meiga de Torgán. O Ricardo para saber que era da súa muller e el para preguntar pola débeda de cen pesos do carboeiro. A meiga tiña “arrautos” nos que ladraba coma un can e despois tiña as visións e cobraba ben por elas. Ao Ricardo dille que a muller vai ter un fillo que non é del. Sobre a débeda aconsella que vaia pronto cobrala que queren matar o carboeiro. Alá se vai ao monte sen que o vexan. Entra na cabana e xa atopa o carboeiro morto, envelenado. Escóndese porque chegan tres homes armados para comprobar que está morto, ven que alí andou alguén e póñense a perseguilo. Malamente dá escapado das balas. Remata:

"que ninguén me pregunte máis... a meiga acertara.[24]"

O traxe de meu tío

"lémbrome do que vou contar coma se pasase onte mesmo” [25]."

A tía Ramona é mestra, muller moi traballadora, que coida o xardín e dálles clase aos rapaces da familia. Vai levar ao rapaz de dez anos ver o tío Ramón (irmán do avó) que está mal do corazón e vive noutro lugar. Pasan polo cemiterio facerlle un encargo ao enterrador Lorán. Van á casa do tío e a Ramona cóntalle con moito segredo que tivo unha visión na que se abrían as portas do armario e saía un traxe voando. O tío interpreta que vai morrer pronto. Lembra que sendo novos el e o irmán mercaron dous traxes en Lugo. O irmán morreu dous meses despois e el xa non volveu poñer o traxe que está no armario do corredor. Volven tía e sobriño para a casa. Aquela mesma noite véñenos avisar de que morreu o tío Pepe. E levou o traxe posto para a cova.

As meigas atinan sempre

Van de Savane para Vigo cun camión de madeira. Cruzan coa meiga de Torgán:

"velahí a meiga de Torgán, que tanta sona ten en toda a comarca... Escoita iste conto! .[26]."

Á Varisa roubáronlle tres pitas e foi preguntar á meiga quen sería o ladrón. Respondeulle ela que pensase ben, que era veciño e que as levaría á feira de San Clodio. Alí estaba a Subela coas galiñas. E a Varisa pensou en vingarse. Prometéralle á meiga un cabuxo e como lle pareceu moito polas tres galiñas deulle só unha ducia de ovos. Pero á meiga non lle pareceu ben e díxolle: pois hancho comer os lobos. O caso é que o fillo da Varisa topou vindo co pai do monte uns cachorros de lobo e tróuxoos para a casa. E un día os cachorros paparon o cabuxo. O pai enfadouse e matounos e ata lle deu unha labazada ao fillo que protestaba.

"E pra rematar iste conto: As meigas atinan sempre... [27]"

O tesouro

Imaxe das dúas torres e a igrexa que inspiraron o conto

Pola década dos anos trinta vai pasar unha tempada a un pazo, alá polo val do Cabe. Ten moito tempo para ler e pasear polos xardíns. Ao lado do pazo está a igrexa, coa súa torre-campanario e a torre do tesouro. Describe a igrexa que foi hospital de peregrinos, de mármore azul da contorna e con estatuas xacentes de cabaleiros. E soña que os cabaleiros se erguen dos seus sartegos e cobran vida. Faise amigo do señor cura, cóntalle o soño e o abade dille que é un soño de adiviñación do pasado, que el lle vai contar a historia que alí aconteceu. Quedan para cear e empeza o relato despois dunha boa descrición da casa reitoral. Alá polos anos 80 do século XIX don Juan María atopa na torre (a do tesouro) unha moeda que semella ser grega. Pensa nun posible tesouro e vai co criado Ramón cavar ás escondidas. O criado dille que non vai atopar o tesouro. Enfádase don Juan e ameaza o Ramón: por que sabe do tesouro e que sabe?! Aquí o cura bota man dos papeis onde ten escrita a historia. Conta o Ramón que hai trinta anos, o vello fidalgo, seu pai, mandou cavar no chan da torre para gardar a ferramenta a dous homes, o Pedro e o Pirata. E topou o Pirata unha ola chea de moedas de ouro e prata, mentres o outro saía levar terra. Tapou todo para volver coller o tesouro na mañá seguinte. Mais pola noite o Pedro foi cachear o sitio e topou unha moeda de prata e pensou que o Pirata e o fidaldo o levaran todo. Mais o certo é que o levou todo na súa besta. O triste final do Pedro foi que cando tentaba escapar o confundiron cun ladrón e o propio don Juan (debíao saber, pois morreu ás súas mans” [28]) e o seu irmán o mataron a tiros. Porque o Pedro, que levaba oito anos fóra do lugar e de acordo cunha criada tentou roubar na caixa forte do pazo. O tesouro estaba enmeigado porque o Pirata que fuxira para América tamén morreu acoitelado por un ñáñigo na Habana. Don Juan decide investigar máis nos arquivos da casa e dá cun manuscrito con letras de muller datado en 1850 que contén a historia do tesouro.

Imaxe actual da torre do tesouro

Henri de Folch é un cabaleiro templario que foxe porque o rei Francés prohibiu a Orde do Temple, vai cara a Santiago cos que puido salvar do seu castelo e vén ferido por bateren cuns ladróns no camiño. Son recibidos por don Diego con todos os honores e festas. Pasa o tempo e mentres cura vaise namorando de dona Violante, a muller moza de don Diego, que os dous son trobadores poetas. Don Diego descóbreos e mata o francés, enterrando o corpo na igrexa. Meses despois morre dona Violante. Tapouse todo e non se sabe moi ben o final de don Diego, se foi frade bieito en Samos ou morreu na guerra contra os mouros.

"(Tamén eiquí –dixo o párroco de Boade- faltan outras follas. Logo vén unha folla rachada da que soio se len tres liñas).[29]"

Hai unha referencia a cando os irmandiños asaltan o pazo e sáltase ao tempo da Francesada cando os franceses chegan ao pazo e don Francisco de Balboa se pon á fronte da guerrilla. Danlles acobillo no pazo para prepararlles unha trampa e matalos. Así que os levan á igrexa para que vexan o sartego dun cabaleiro francés. Para sorpresa do tenente ao ver a lápida chámase coma el, é un seu devanceiro templario. Os guerrilleiros estaban agochados nas torres e danlle morte por sorpresa aos franceses. Don Francisco manda que o tenente sexa enterrado na igrexa noutro sartego xunto ao seu antepasado.

"Ista é a historia do tesouro da torre. Non sei si a dixen fala a fala, tal como ma contou o señor cura de Boade. Outramente, non diredes que teño mala memoria.[30]"

O cura don Anxo contaba que a descrición da igrexa e das torres se corresponde totalmente á da Igrexa de San Pedro Fiz do Hospital, mesmo a torre das campás tiña unha escaleira por fóra antes de ser restaurada. E na torre que hoxe é sartego dos Quiroga tamén se contaba unha lenda de tesouro. Dicíase que debaixo da pedra do sartego do cabaleiro había un tesouro, mais se se levantaba a pedra caía a igrexa. Por iso ninguén colleu o tesouro, remataba don Anxo.[31]

Extras do relato

  • En 1997 fíxose unha curtametraxe baseada no relato (ficha[32]) (vídeo[33])

Narración

A obra encaixa coas materias do conto popular e a paisaxe, o que encaixa moi ben no proxecto estético e ideolóxico de Galaxia pola súa dimensión antropolóxica, pois representa a cultura tradicional e falar dunha paisaxe determinada en que poden ter lugar esas historias. Amais, gusta o proxecto pola súa ambición literaria de modernizar o conto, de grande importancia na gran literatura do momento.

A obra destaca a dimensión oral, pois os narradores falan e o auditorio escoita, o que leva á historia da literatura galega. Hai unha fórmula de aproximación espazo-temporal para achegar o receptor á historia. Porén, os relatos adoitan rematar cun final conceptual, en contraposición ao conto popular que deixa unha mensaxe didáctica. Adoita haber un narrador moi omnisciente e eficaz, con frecuentes apelacións ao público. Cada relato está narrado de forma lineal e directa, sen requintamentos. En certo modo teñen un punto de crónica de sucesos, onde se deixa ver o papel de Fole como xornalista, que se traduce na sinxeleza mencionada e en certo descritivismo antropolóxico de vontade didáctica.

A técnica narrativa bota man das estratexias realistas como o narrador omnisciente que o sabe e controla todo e a estrutura clásica das historias –presentación, nó e desenlace-.[34]. A obra é un longo conto de contos entrelazados, o que Claudio Rodríguez Fer chama “narración en espiral”[35]: un encadeamento constante de narracións que conduce cara ao espazo popular, aos contos contados diante do lume da lareira.

Tamén ten que ver coa narrativa folclórica oral o inicio dos relatos cunha localicación espazo-temporal moitas veces imprecisa. Ademais e estrutura é pechada e o comentario final do narrador ten moitas veces un ton aleccionador e reflexivo que pode indentificarse cun dito ou refrán popular.[36]

Unha parte dos contos desenvólvense no Courel. A xeografía contística foleana amplíase a Rubián, parroquia do concello de Bóveda, Lugo, a vila de Quiroga, as terras de San Clodio de Ribas do Sil, o Páramo, o Val do Cabe etc.[37]

Lingüisticamente hai un esforzo por reproducir a lingua oral, do que deriva a convicción da necesidade de que as obras recollan as variedades dialectais. Defende un idioma imposto polo uso e rexeitan un modelo lexislador e coercitivo. A recorrencia á lingua falada constitúe para Xosé Ramón Pena outra mostra máis do afán de verosimilitude discursiva.[38]. Para facilitar a lectura incluíuse un vocabulario ao final do libro.

Edicións

Foi reeditado en 1968, 1979, 1983, 1994 (con introdución de Luís Alonso Girgado), 2004 (cun deseño de Carlos Maside na capa), 2014 (ISBN 978-84-8288-753-1)[39].

Traducións

  • Ao asturiano por Ignaciu Llope co título de A la lluz del candil publicado en 2000 por Trabe, Colección Incla Interior[40].
  • Ao éuscaro, en tradución de Josemari Navascués Baskaran na editorial Alberdania, na súa colección de Literatura Universal[41] co título Kriseiluaren argipean (2011)

Notas

  1. Pseudónimo de Francisco Fernández del Riego
  2. Fole, Ánxel (1983). Contos da néboa. Contos a carón do lume (4ª ed.). Galaxia. 
  3. Fole 1983, p. 26.
  4. Fole 1983, p. 32.
  5. Fole 1983, p. 28.
  6. Fole 1983, p. 35.
  7. Fole 1983, p. 36.
  8. Fole 1983, p. 37.
  9. Fole 1983, p. 38.
  10. Fole 1983, p. 39.
  11. Fole 1983, p. 42.
  12. Anxo González (2012-01-14). "Os lobos (adaptación do conto de Anxel Fole).". Consultado o 2019-07-15. 
  13. "Os lobos. Anxel Fole. Texto comentado". www.ogalego.eu. Consultado o 2019-07-15. 
  14. Fole 1983, p. 44.
  15. Fole 1983, p. 53.
  16. Fole 1983, p. 66.
  17. "O documento :: CINE GALEGO". engalecine6.webnode.es. Consultado o 2019-07-15. 
  18. Proxecto Engale (2015-10-15). "O documento- Cine galego". Consultado o 2019-07-15. 
  19. Fole 1983, p. 83.
  20. Fole 1983, p. 98.
  21. Fole 1983, p. 106.
  22. "Os difuntos falaban castelao". engalecine6. Consultado o 15/07/2019. 
  23. LoisMini (2009-03-23). "Os difuntos falaban castelao (curtametraxe galega)". Consultado o 2019-07-15. 
  24. Fole 1983, p. 114.
  25. Fole 1983, p. 116.
  26. Fole 1983, p. 126.
  27. Fole 1983, p. 130.
  28. Fole 1983, p. 149.
  29. Fole 1983, p. 156.
  30. Fole 1983, p. 162.
  31. "Vida de Anxo González, cura do Incio". www.anxo.info. Consultado o 2019-07-15. 
  32. "O tesouro :: CINE GALEGO". engalecine6.webnode.es. Consultado o 2019-07-15. 
  33. "O tesouro. CRTVG". www.crtvg.es. Consultado o 2019-07-15. 
  34. Forcadela, Manuel (1997). Guía de lectura de "Á lus do candil". Edicións do Cumio. p. 58. 
  35. Rodríguez Fer, Claudio (1996). “Anxel Fole. Vida e obra” en Fole, Ánxel (1903-1986). Unha fotobigrafía. Xerais. p. 89. 
  36. Vilavedra, Dolores (Coord) (2000). Diccionario da literatura galega III. Obras. Ed. Galaxia. p. 286. ISBN 84-8288-365-8. 
  37. "Enciclopedia Historia Literatura Galega". literaturagalega.as-pg.gal. Consultado o 2019-07-15. 
  38. Pena, Xosé Ramón (2019). Historia da literatura galega IV. De 1936 a 1975. «A longa noite». Xerais. p. 222. ISBN 978-84-9121-481-6. 
  39. "Á lus do candil". Editorial Galaxia. Consultado o 2019-07-15. 
  40. "A la lluz del candil". bibliotraducion.uvigo.es. Arquivado dende o orixinal o 11 de marzo de 2018. Consultado o 2019-06-28. 
  41. "Kriseiluaren argipean". Editorial Galaxia. 2011-03-18. Consultado o 2019-07-15. 

Véxase tamén

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!