Young Marble Giants foi unha banda galesa de post-punk formada en Cardiff no ano 1978. A súa música xiraba ao redor das voces de Alison Statton e da instrumentación minimalista dos irmáns Philip e Stuart Moxham. O seu son inicial contrastaba fortemente co punk rock agresivo que dominaba a escena underground da época. Young Marble Giants publicaron só un álbum de estudio, Colossal Youth, en 1980. A banda separouse no ano 1981.[1]
Historia
Os membros de Young Marble Giants estiveran anteriormente nunha banda chamada True Wheel, e cando este grupo separouse en 1978 os tres mozos, Alison Statton e os irmáns Philip e Stuart Moxham, montaron en Cardiff un novo conxunto sen batería.[1]
Ao principio da súa existencia o grupo tivo un cuarto membro, Peter Joyce, que era curmán dos irmáns Moxham. Joyce era un enxeñeiro de telefonía e un experto en electrónica, e fixera o seu propio sintetizador a partir dun kit. Facía sons semellantes ao dos sintetizadores de Brian Eno nos primeiros Roxy Music, e Kraftwerk, que empregaban electrónica 'low-tech/high-tech' semellante. Young Marble Giants usaba gravacións de cintas dunha caixa de ritmos caseira de feita por Joyce, xa que daquela non desexaban ter un batería. Tamén estaban interesados en dispositivos de efectos como os moduladores de anel e as unidades de reverberación, con énfase sempre na sinxeleza.
O seu primeiro lanzamento en vinilo foi en outubro de 1979 no álbum recompilatorio Is the War Over? do selo DIY de Cardiff Z Block Records. A banda asinou entón co selo independente británico Rough Trade Records e lanzou dous EPs, Final Day e Testcard, e un álbum, Colossal Youth[2] (unha referencia ás estatuas de mármore do grego antigo "Kouroi", das que os YMG se inspiraron para o seu nome). A portada do álbum inspirouse no disco dos Beatles With the Beatles.
Tras o lanzamento do álbum a banda xirou internacionalmente por Europa e América do Norte para promocionalo, realizando algunhas actuacións con Cabaret Voltaire.[1] En xuño de 1980 publicaron o EP de catro temas Final Day, e en setembro a banda tocou no festival gótico Futurama Festival en Leeds.[3] O EP Testcard apareceu en marzo de 1981 e a banda separouse pouco despois.[1]
Discografía
Álbums
Notas