Xoán de Compsa, nado en Conza della Campania na segunda metade do século VI e finado en Nápoles no 617, foi un militar da época do imperio bizantino que exerceu en Italia.
Traxectoria
Descoñécese onde naceu exactamente Xoán: a opinión dos estudosos divídese entre Compsa (a actual Conza della Campania), ocupada daquela polos longobardos, e Constantinopla, capital do Imperio Romano de Oriente, a finais do século VI. Á morte de Gonduíno, duque bizantino de Nápoles, o emperador de Oriente Focas nomeou a Xoán como sucesor. No 615 unha revolta militar causou a morte de Xoán I Lemixio, exarca de Rávena, mergullando os dominios bizantinos de Italia no caos. Xoán aproveitou a situación para se rebelar á súa vez contra o novo emperador Heraclio, facéndolle sufrir ao sur bizantino toda unha serie de saqueos. Porén Heraclio nomeou un novo exarca na persoa do eunuco Eleuterio, quen domeou rapidamente a revolta dos de Rávena e se dirixiu cara a Nápoles, parando brevemente en Roma, no vello palacio de Domiciano. Informado da rápida marcha de Eleuterio sobre Nápoles, Xoán decidiu saírlle ao paso na vía Appia pero, cando empezou a batalla, tivo a peor parte e buscou refuxio dentro dos muros de Nápoles. Eleuterio puxo cerco á cidade, dándoa expugnado finalmente e apoderouse dos rebeldes. Para castigar a revolta, o exarca fixo decapitar publicamente a Xoán, nomeando un novo duque no seu posto, Teodoro I, e volvendo a Rávena co exército (617).
Véxase tamén
Bibliografía
- A. Bianchi Giovini, Storia dei papi, vol. III, Tipografia Elvetica & Libreria Patria, Capolago-Torino, 1851.
- Pietro Giannone, Istoria civile del regno di Napoli, vol. II, Società Tipografica de' Classici Italiani, 1823.
- Ludovico Antonio Muratori, Annali d'Italia, vol. II, Tipografia de' Fratelli Ubicini, Milano 1838.