O Westland WS-51 Dragonfly foi o primeiro helicóptero construído polo fabricante británico Westland Aircraft. Tratábase dunha versión anglicizada do Sikorsky S-51 estadounidense e foi usada principalmente pola Royal Navy como helicóptero de busca e rescate.[1]
Deseño e desenvolvemento
O 19 de xaneiro de 1947 asinouse un acordo entre Westland Aircraft e Sikorsky para permitir a fabricación baixo licenza dunha versión británica do S-51 no Reino Unido. Esta estaría impulsada polo motor radial de 500 CV Alvis Leonides. Unha versión modificada tamén foi desenvolvida por Westland como o Westland Widgeon, pero foi un fracaso comercial.
Tras atrasos causados pola necesidade de modificar e converter os planos estadounidenses para reflectir elementos de orixe británica e para substituír o motor polo Alvis Leonides 50 de construción británica, o prototipo realizou o seu primeiro voo dende Yeovil o 5 de outubro de 1948 pilotado por Alan Bristow. Só pasaran 16 meses desde que comezaran os traballos da construción do prototipo, rexistrado G-AKTW.
Tras avalialo chegaron os primeiros pedidos dos militares británicos. A Royal Navy pediu 13 Dragonfly HR.1 e a Royal Air Force 3 Dragonfly HC.2.
Historial operativo
Un total de 72 helicópteros Dragonfly entraron en servizo co Fleet Air Arm da Royal Navy nas funcións de adestramento, rescate aéreo-marítimo e comunicacións. A primeira unidade en ser equipada co modelo foi o 705 Naval Air Squadron, que se cre que é o primeiro escuadrón de helicópteros que se formou fóra dos Estados Unidos. O Dragonfly foi o primeiro helicóptero de construción británica en ser usado pola armada e o primeiro en operar dende un buque británico en probas no RFA Fort Duquesne en 1951.[2] Un Dragonfly dirixiu a sección de helicópteros durante a revisión da frota tras a coroación de Isabel II en 1953.[3]
Unha actualización planificada dos Dragonfly da armada ao estándar Widgeon cunha cabina máis grande, e que sería coñecída como Dragonfly HR.7, foi abandonada en 1957 debido a recortes en defensa.[3] Foi substituído no servizo británico polo Westland Whirlwind, tamén derivado dun deseño de Sikorsky, a finais dos anos 50. Usáronse Dragonfly nas operacións de axuda na inundación do mar do Norte de 1953 e varios deles foron usados pola RAF para a evacuación de vítimas durante a Emerxencia Malaia.[2]
Fabricáronse tamén 51 WS-51 civís. Algúns deles foron usados por Pest Control Ltd para a fumigación de cultivos e outros voaron como transporte executivo para Silver City Airways, Evening Standard Newspapers e Fairey Aviation. Aeronaves exportadas operaron en Xapón, Congo Belga, México e Noruega.[4]
Notas
Bibliografía
- Jackson, A.J. (1974). British Civil Aircraft Since 1919 – Volume Three. Putnam & Company Limited. ISBN 0-370-10014-X.