O voo 883 de Aero Caribbean era un servizo doméstico regular de pasaxeiros dende Santiago de Cuba ata A Habana. O día 4 de novembro de 2010 o ATR 72-212 que operaba a ruta esnafrouse na provincia cubana Sancti Spíritus, matando aos 61 pasaxeiros e 7 tripulantes a bordo.
Avión
O aparello implicado no accidente era un ATR 72-212, con rexistro CU-T1549,[1] usado por Aero Caribbean dende outubro de 2006.[2] Foi entregado novo en 1995 ao seu primeiro dono, Simmons Airlines e despois operou con Continental Express. A compañía cubana Aero Caribbean foi o seu terceiro propietario tras mercalo en 2006.[3][3] Segundo o fabricante, o avión acumulara case 25 000 horas de voo en máis de 34 500 ciclos.[2] Aero Caribbean pertence na súa totalidade ao goberno de Cuba.[4]
Pasaxeiros e tripulación
O capitán ao mando do ATR era Ángel Villa Martínez, acompañado polo primeiro oficial e copiloto Luis Lima Rodríguez. Na cabina de pasaxeiros había cinco asistentes de cabina: Raciel Echevarría, María Torres, Fara Guillén, Juan Carlos Banderas e Andy César Galano. A bordo do aparello había 68 pasaxeiros de distintas nacionalidades, sendo a maioría cubanos.[5]
Accidente
O voo orixinouse en Santiago de Cuba.[6] O aparello engalou do aeroporo Santiago Maceo de camiño á Habana ao redor das 16:50 hora local (20:50 UTC). Era a derradeira saída do aeroporto antes de que pechase pola chegada do furacán Tomas.[7] Ás 17:42 o avión esnafrouse preto da cidade de Guasimal, na provincia de Sancti Spíritus, a uns 340 km ao sueste da Habana, despois de realizar unha chamada de emerxencia. Testemuñas dixeron que o avión estaba "voando baixo e parecía inestable... derramando fume e lume", antes de escoitar un estoupido.[2]
As instalacións médicas en Guasimal foron postas en alerta para preparatse para recibir aos pacientes. Porén, na medianoite se lles dixo que se retiraran xa que non se esperaban superviventes.[2]
O accidente é o peor cun ATR 72 implicado, xunto co voo 4184 de American Eagle, os dous con 68 mortos.[1]
Notas