O voo 771 de Afriqiyah Airways era un servizo regular internacional de pasaxeiros entre o aeroporto de Xohanesburgo-O.R. Tambo e o aeroporto de Trípoli. O día 12 de maio de 2010 o Airbus A330-202 que operaba a ruta esnafrouse ao redor das 06:01 hora local (04:01 UTC) cando se aproximaba a Trípoli.[1][2] Dos 104 pasaxeiros e tripulantes a bordo só sobreviviu un neno neerlandés de nove anos chamado Ruben van Assouw.[3][4] O accidente do voo 771 foi a terceira perda dun Airbus A330 con vítimas mortais, ocorrendo once meses despois do segundo deles, o accidente do voo 447 de Air France.
Avión e tripulación
O aparello era un Airbus A330-200, con rexistro 5A-ONG e número de serie 1024, fabricado no ano 2009. Foi entregado en setembro de 2009 e no momento do accidente tiña unhas 1 600 horas de voo nuns 420 ciclos. O avión estaba equipado con dous motores General Electric CF6-80E1.[5] Estaba configurado para unha capacidade de 253 pasaxeiros.[6][7] Este voo levaba 93 pasaxeiros e 11 tripulantes. A meirande parte dos pasaxeiros eran cidadáns neerlandeses regresando das súas vacacións en Suráfrica.[2] Un traballador do aeroporto afirmou que 13 libios, entre pasaxeiros e tripulantes, e 70 neerlandeses morreran no accidente.[8][9]
O capitán era Yousef Bashir Al-Saadi, de 57 anos. Fora contratado por Afriqiyah Airways en 2007 e tiña 17 016 horas de voo, incluídas 516 horas no Airbus A330. O primeiro oficial era Tareq Mousa Abu Al-Chaouachi, de 42 anos. Tiña 4 216 horas de experiencia, incluídas 516 no A330. O primeiro oficial de reserva era Nazim Al-Mabruk Al-Tarhuni, de 37 anos, con 1 866 horas, das que 516 eran no A330.[10]
Notas