O voo 634 de Turkish Airlines era un servizo regular doméstico de pasaxeiros dende o aeroporto de Istanbul Atatürk ata o aeroporto de Diyarbakır, no sueste de Turquía. O día 8 de xaneiro de 2003 ás 20:19 EET (18:19 UTC), o avión que operaba a ruta, un British Aerospace Avro RJ100, golpeou o chan na aproximación final a uns 900 metros do inicio da pista no medio de malas condicións meteorolóxicas. O avión despois chocou contra unha costa e incendiouse, matando 75 dos 80 ocupantes, incluídos os pilotos.
Avión
O aparello implicado era un British Aerospace Avro RJ100 construído en 1993 con número de serie E3241. O avión era propiedade de Trident Jet (Dublin) Limited, estaba equipado con catro motores Lycoming LF507-1F e voara por vez primeira en marzo de 1994. No momento do accidente tiña unhas 20 000 horas de voo nuns 17 000 ciclos.[1][2]
Tripulación e pasaxeiros
A tripulación estaba formada polos dous pilotos e tres asistentes de voo. O capitán era Alaaddin Yunuk, un antigo piloto da Forza Aérea de Turquía de 34 anos que se unira a Turkish Airlines en 1995 e tiña 6 309 horas de voo. O primeiro oficial era Ismail Uluslu, de 33 anos, que se unira á aeroliña en 1998 e contaba con 2 052 horas. O avión levaba 75 pasaxeiros. Das 80 persoas a bordo sobreviviron inicialmente 6, pero unha morreu posteriormente debido ás súas feridas.[3]
Notas