O voo 202 de Airblue era un servizo doméstico regular de pasaxeiros entre o aeroporto de Jinnah e o aeroporto Benazir Bhutto que se esnafrou o 28 de xullo de 2010 preto de Islamabad, a capital de Paquistán, matando os 146 pasaxeiros e 6 tripulantes a bordo.[1] É o peor accidente de aviación ocorrido en Paquistán ata a data.[2][3] O avión, un Airbus A321-231 operado por Airblue, esnafrouse na cordilleira Margalla ao norte de Islamabad.[4] Os controladores de tráfico aéreo perderon o contacto co voo durante o seu intento de aterrar entre unha densa néboa e forte chuvia monzónica.[5]
Foi o primeiro accidente con vítimas mortais dun Airbus A321, unha variante longa do Airbus A320. Baseada en Islamabad, Airblue é a segunda aeroliña máis grande de Paquistán, con máis do 30% do mercado doméstico. No momento do accidente a aeroliña operaba sete avións, todos da familia A320.
Avión
O aparello implicado no accidente era un Airbus A321-231, con rexistro AP-BJB.[6] O avión fora construído no ano 2000, e tiña o número de serie 1218. Este foi o primeiro accidente fatal do A321, e a segunda perda do tipo.[7] O avión fora entregado orixinalmente a Aero Lloyd e fora usado por Aero Flight antes de pasar á frota de Airblue en 2006.[8] O aparello acumulaba máis de 34 000 horas de voo nuns 13 500 ciclos.[9] A aeronave fora golpeada por un lóstrego o 30 de decembro de 2008.[10]
Notas