O viaduto do Ulla é unha estrutura da autoestrada do Atlántico (AP-9) construída para salvar o paso sobre o río Ulla, entre as parroquias de Herbón (Padrón, na provincia da Coruña) e Pontecesures (no concello homónimo, da provincia de Pontevedra). Entrou en servizo o 11 de novembro de 1991, cando se inaugurou o tramo Padrón - Caldas de Reis.[1]
Características
Ten unha lonxitude total de 177,4 m, e está constituído por un pórtico de tres vans, encastrado en piares de pantalla dupla e apoiado en estribos. As luces son de 48 m, e a anchura da plataforma de 11,3 m; a altura máxima da rasante é de 28 m.[2]
O viaduto cruza o val do río Ulla permitindo o cruzamento do tronco da autoestrada do Atlántico (AP-9) sobre o mesmo, no inicio do tramo entre Padrón e Caldas de Reis. O trazado en planta na zona ocupada polo viaduto é circular, con raio de 800 m.
Compóñeno dúas estruturas xemelgas cuxo esquema estrutural se constitúe como un pórtico de tres vans que está encastrado en piares e apoiado en estribos mediante aparellos de neopreno-teflón.[3]
A lonxitude total de cada estrutura é de 177,4 m, con luz central de 80 m e laterais de 48 m. Cada un dos taboleiros está constituído por unha trabe caixón monocelular, postesada, de 11,3 m de anchura e canto variábel desde 4,2 m sobre os piares até 1,9 m en estribos e no centro do van medio.
A calzada é de 7 m, a beiravía exterior de 2,5 m e a interior de 1 m, ademais de levar barreiras ríxidas a cada lado. O núcleo do caixón, ten 6,1 m de anchura e ánimas de 0,40 m de espesor. O caixón complétano senllos beirís laterais, simétricos, de 2,6 m de lonxitude.
Os piares son pantallas duplas de formigón armado, de 0,8 m de espesor e separadas 4 m entre si. Alicérzanse sobre zapatas de 8 por 8 m e de 2,5 m de canto. Os estribos son de formigón armado, pechados, con muros de fronte de 1,2 a 1,45 m de espesor con aletas en volta e alicerzados sobre zapatas. O taboleiro construíse mediante avance por beirís sucesivos.[2]
Notas
Véxase tamén
Outros artigos