Vermudo Pérez de Traba nado a finais do s. XI ou principios do XII e finado en 1168, fillo do conde Pedro Froilaz de Traba e da súa primeira esposa, Urraca Froilaz, foi membro da liñaxe máis poderosa da Galiza na Idade Media, tenente en Trastámara, en Faro (A Coruña), en Viseu, e en Seia, propietario de vastos territorios e benfeitor de mosteiros. Tamén aparece transcrito como Bermudo ou Veremundi no canto de Vermudo, Peres en vez de Pérez e Trava por Traba.[1]
Biografía
Bermudo non tivo título de conde e aparece como dominus e tamén como Vermudo Petriz Galleciae. A súa presenza consta documentada por primeira vez na documentación o 1 de abril de 1104, co seu irmán, o conde Fernán Pérez de Traba, facendo unha doazón ao Mosteiro de San Xoán de Caaveiro.[2] Serviu a raíña Urraca I e cos seus irmáns xurou lealdade ao seu fillo o rei Afonso VII en Zamora.
O 29 de xullo de 1118, a raíña Urraca, co consentimento do seu fillo Afonso, devolveu a Vermudo e ao seu irmán Fernán os territorios do mosteiro de Sobrado, que o rei Fernando I tomara pola forza en 1050. Poucos anos despois, o 25 de xullo de 1122, concedeu á súa muller Urraca Henriques varias propiedades, incluíndo As Donas,[3] tres aldeas e dous mosteiros.[4]
En 1125, Bermudo aparece en Portugal confirmando a doazón feita pola condesa de Portugal Teresa, ou Tareixa de León, como señor de Viseu aparecendo o seu irmán Fernán como gobernador de Coímbra.[5]
Despois da morte de Teresa, en 1131, Vermudo iniciou unha revolta no Castelo de Seia que non tivo éxito, xa que o infante D. Afonso Henriques foi ao seu encontro coas súas forzas e expulsouno. Vermudo volveu a Galiza, cruzando poucas veces de novo o Río Miño.[5]
En 1138 reconstruíu o Mosteiro de Xanrozo, máis tarde de Nosa Señora das Donas, e despois Mosteiro das Cascas,[6] probabelmente fundado por Froila Vermudes, avó de Vermudo,[7] Este herdara a metade do mosteiro do seu pai, Pedro Froilaz, e o rei Afonso VII, criado con Vermudo, devolveu a outra metade do mosteiro que Pedro Froilaz lle dera, para que Vermudo tivese toda a propiedade.[8] Cedeulle o mosteiro á súa filla Urraca, que entrou de monxa no convento e converteuse na abadesa. En setembro de 1145, Urraca, co consentimento do pai, doouno ao Mosteiro de Sobrado.[9] O mosteiro das Cascas, hoxe en ruínas, con só a igrexa de San Paio, estaba situado no lugar de Nendos en Betanzos.[6]
El e o seu irmán fixeron moitas doazóns ao mosteiro de Sobrado, e en 1142 entregaron as súas propiedades aos monxes do Císter[10] Peregrinou a Terra Santa dúas veces; a primeira vez co irmán en 1147 e despois volveu en 1153, volvendo a Galiza no ano seguinte 1155 como o acredita un documento da venda feita por Adosinda Rodríguez dunha propiedade en Sobrado o 23 de abril de 1155 que consta: ipso anno presente, cando domnus Vermudis reversus est Hierosalime.[7][11][10]
En 1148 encargou ao abade do Mosteiro de San Xusto de Toxos Outos a construción dun convento na aldea de Nogueirosa, preto de Pontedeume. Este lugar formaba parte das arras que lle entregara á súa muller a infanta Urraca o 25 de xullo de 1122. Xa en 1150, Urraca doou ao abade e ao mosteiro diversos bens coa condición de que ela e catro damas da súa familia fosen admitidas como monxas no convento de Santa María de Nogueirosa.[12]
O 6 de agosto de 1160 Vermudo ingresou como monxe no Mosteiro de Santa María de Sobrado dos Monxes. Urraca tamén se retirou ao mosteiro de Nogueirosa en Pontedeume onde morreu en 1173 e foi sepultada na súa igrexa conventual.[13]
Matrimonio e descendencia
Casou máis dunha vez, como el mesmo declara nun documento de 1138, cando fixo a carta de doazón e dote para a súa filla Urraca, monxa do Mosteiro de Cascas.
Dunha das súas primeiras esposas, Teresa Bermudes, [14] tivo tres fillos:
(Os apelidos Bermudes son tamén transcritos Bermúdez, Vermudes, Vermúdez ou Veremúndez)
Pedro Bermudes (ou (m. antes de 1147)
Henrique Bermudes (m. despois de 1151)
Mor Bermudes (m. despois de 1192), esposa de Gonçalo Mendes, fillo de Men Rodrigues de Tougues, neto de Rodrigo Froilaz, e de Chamoa Gomes.[14]
Tivo outra esposa chamada Adosinda Gonçalves de quen tivo dúas fillas:
Almeida Fernandes, A. de (1978). «Guimarães, 24 de junho de 1128». Revista Guimarães (Guimarães: Sociedade Martins Sarmento) (88): 5-145. ISSN 0871-0759. Consultado o 14 de febreiro de 2014. (en portugués)
Calderón Medina, Inés (2011). «La antroponimia de la nobleza leonesa plenomedieval. Un elemento de construcción de identidad y memoria nobiliaria». Miscelánea murciana XXXV: 67-88. ISSN 0210-4903.
Daviña Sáinz, Santiago (1998). «El monasterio de las Cascas (Betanzos) (I)». Anuario Brigantino (Braga: Consello de Betanzos, A Coruña Câmara Municipal de Braga) (21): 77-102. OCLC 72890459. (en castelán)
López Morán, Enriqueta (2004). «El Monacato Femenino Gallego en la Alta Edad Media (La Coruña y Pontevedra)». Revista Nalgures (A Coruña: Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia) I: 119-174. ISSN 1885-6349. Arquivado desde o orixinal o 17 de febreiro de 2012. (en castelán)
López Sangil, José Luis (2002). La nobleza altomedieval gallega, la familia Froílaz-Traba. A Coruña: Toxosoutos, S.L. ISBN 84-95622-68-8. (en castelán)
Pallares Méndez, M. C.; Portela Silva, E. (1993). «Aristocracia y sistema de parentesco en la Galicia de los siglos centrales de la Edad Media: El grupo de los Traba». Hispania 53 (185): 823-840. ISSN 0018-2141. (en castelán)
Sánchez de Mora, Antonio (2003). La nobleza castellana en la plena Edad Media: el linaje de Lara. Tesis doctoral. Universidad de Sevilla. (en castelán)
Torres Sevilla-Quiñones de León, Margarita Cecilia (1999). Linajes nobiliarios de León y Castilla: Siglos IX-XIII. Salamanca: Junta de Castilla y León, Consejería de Educación y Cultura. ISBN 84-7846-781-5. (en castelán)