Para outras páxinas con títulos homónimos véxase: Ventosa.
A ventosa é un órgano de certos animais acuáticos ou endoparasitos doutros animais. Nalgúns casos, as ventosas son utilizadas apenas para a fixación do animal a un substrato, como nas rémoras, mentres que noutros son unha adaptación da boca e serven non soamente para a fixación, senón tamén para succión dos fluídos do interior do corpo do hospedeiro, como no caso da lamprea[1] ou da samesuga.
Un caso ben coñecido de endoparasito que usa ventosas localizadas na cabeza para se fixar ás paredes do tubo dixestivo do hospedeiro é a tenia.[2]
Aínda máis coñecidas son as dos cefalópodos, especialmente dos polbos e as luras, nos que as ventosas son órganos musculosos de forma circular constituídas por tecido muscular do mesmo tipo que o do resto do corpo (polo que tamén son comestíbeis). Situadas na superficie dos brazos ou raxos, funcionan á perfección como unha ventosa das que se utilizan, por exemplo, para desatascarmos os vertedoiros, é dicir, ao exerceren presión sobre outra superficie, énchese de baleiro a ventosa, expulsando a auga cara ao exterior, o que permite adherirse fortemente ao polbo ou á lura (ou a calquera outro cefalópodo que as utilice).[3]
Estas ventosas teñen unha función dupla: non só axudan ao animal na locomoción, como no caso dos polbos e outros moluscosbentónicos, que usan os tentáculos para desprazarse, senón que serven tamén para asegurar as súas presas.[4]