Tupolev Tu-70

Tupolev Tu-70
Tipopasaxeiros
FabricanteTupolev
Primeiro voo27 de novembro de 1946
Estadocancelado
Unidades construídas1
VariantesTupolev Tu-75

O Tupolev Tu-70 (designación OTAN: Cart) foi unha variante de pasaxeiros do bombardeiro soviético Tu-4 (que fora unha copia do Boeing B-29 Superfortress realizada mediante enxeñaría inversa) deseñada inmediatamente despois do final da segunda guerra mundial. Usaba varios compoñentes de Boeing B-29 que realizaran aterraxes de emerxencia na Unión Soviética despois de quedar sen combustible tras bombardear Xapón. Tivo a primeira fuselaxe presurizada da Unión Soviética e voou por vez primeira o 27 de novembro de 1946.[1] O avión probouse con éxito e foi recomendado para a fabricación en serie, pero finalmente non foi producido debido a que había máis presión por fabricar avións militares e porque Aeroflot non tiña requirimentos para un aparello dese tipo.

Deseño e desenvolvemento

Despois de rematar o traballo básico de deseño do bombardeiro Tu-4, Tupolev decidiu deseñar unha variante de pasaxeiros con fuselaxe presurizada, dándolle a designación interna de Tu-70. Pretendíase usar a maior parte de compoñentes do Tu-4 posible para reducir custos e aforrar tempo no desenvolvemento. Tratábase dun avión monoplano cunha longa á cantilever, tren de aterraxe en triciclo e impulsado por catro motores radiais Shvetsov ASh-73TK. Os traballos de deseño cunha maqueta comezaron en febreiro de 1946 e o Consello de Ministros confirmou o pedido dun único prototipo se mes seguinte. A decisión de fabricar o Tu-12, como así sería coñecido, tomaríase despois das probas.[1]

Para acelerar a construción do prototipo usáronse varios compoñentes de dous B-29. Entre estes atopábanse os paneis exteriores das ás, as cubertas dos motores, os flaps, o tren de aterraxe, a montaxe de cola e parte do equipamento interno. A sección central da á redeseñouse, ampliándose a envergadura. A fuselaxe presurizada era completamente nova e cambiou a posición das ás, pasando dunha á media a uha baixa. O parabrisas da cabina de mando cambiouse por unha configuración "escalonada" máis convencional. Propuxéronse tres esquemas distintos para a configuración da cabina, unha versión VIP para o goberno, un modelo con varias clases para 40-48 pasaxeiros, e unha configuración pura de pasaxe con 72 asentos.[2]

O Tu-70 completouse en outubro de 1946, pero non realizou o seu primeiro voo ata o 27 de novembro. As probas do fabricante comezaron en outubro pero un incendio nun motor no cuarto voo fixo que o avión tivese un accidente na aterraxe. O incendio atribuíuse a un defecto no deseño do sistema de control do supercompresor de fabricación estadounidense, pero identificar e arranxar o problema prolongou as probas ata outubro de 1947. Foi redesignado como Tu-70 cando foi avaliado polo Estado, rematando as probas de aceptación o 14 de decembro. O avión cumpriu todos os obxectivos de deseño, pero non foi aceptado para a fabricación xa que as fábricas estaban comprometidas coa produción de aparellos cunha prioridade máis alta e Aeroflot non necesitaba o modelo xa que estaba satisfeita cos seus Ilyushin Il-12.[3]

O avión enviouse ao Instituto de Investigación Científica da Forza Aérea para ser avaliado como transporte militar en decembro de 1951. Despois usouse para distintas probas antes de ser desguazado en 1954. O seu deseño modificouse para servir como tranporte militar como o Tupolev Tu-75, pero non chegou a ser fabricado.[4]

Notas

  1. 1,0 1,1 Gordon, p. 105
  2. Gordon, pp. 105-106
  3. Gordon, pp. 106-107
  4. Gordon, p. 107

Bibliografía

  • Gordon, Yefim; Rigamant, Vladimir (2005). OKB Tupolev: A History of the Design Bureau and its Aircraft. Hinckley, Inglaterra: Midland Publishing. ISBN 1-85780-214-4. 

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!