A trompeta anterior tal como chegara até o Barroco caeu en desuso durante o clasicismo e apenas se empregaba salvo como apoio harmónico, reforzo da percusión etc., especialmente para os finais de movemento. Este instrumento era capaz de emitir só a serie dos harmónicos naturais segundo a súa afinación alterando a presión dos labios e do alento por medio da presión do músculodiafragmático. Por exemplo, unha trompeta afinada en dó daría a súa serie de harmónicos (dó, sol, dó, mi, sol, si bemol, dó...), o que deixaba ocos na súa tesitura baixa aínda que basicamente se defendera nos rexistros altos.
Realizáronse varios intentos para dotar á trompeta da capacidade de entoar unha escala diatónica e todas as notas da serie ou escala cromática. Así probáronse instrumentos con varas, de certo éxito temporal en Inglaterra, con parafusos ou pezas de recambio, tapadeiras, por autores como Ferdinand Kolbel e Johann Georg Albrechtsberger; ou en 1790 coa inclusión dun pistón inventado por Charles Clagget. Cara a 1813 e 1815 continuouse con este sistema, o que utiliza as trompetas da orquestra actual, cos traballos de Friedrich Blühmel e Heinrich Stölzel. O segundo pistón foi introducido por Dauverne e o terceiro por Müller e Christian Friedrih Sattler en 1830. O sistema de pistóns sería perfeccionado por Adolphe Sax (o inventor do saxofón) e Périnet, en 1839. A trompeta de 3 e até 4 pistóns acabaríase impoñendo ao longo do século XIX.
A trompeta inventada por Anton Weidinger (Viena, 9 de xuño de 1766-Viena, 20 de setembro de 1852), trompetista da orquestra do Teatro Imperial, baseábase non obstante nun sistema similar á frauta ou o fagot. Mais o seu instrumento non tivo o éxito esperado ao ser avantaxado pola trompeta de pistóns. Usouse en bandas militares durante o século XIX, decaendo o seu uso a principios do XX.
A súa trompeta contaba con 5 chaves para acurtar a lonxitude de vibración do tubo ou columna de aire, similares ás modernas chaves como as usadas despois no saxofón. Ao destapar cada chave elevaba un semitón o son do instrumento. Comezou a traballar na construción desta trompeta en 1792, sobre deseños anteriores, ano no que coñeceu a Haydn, segundo parece con motivo da voda do trompetista. Este avance permitía desenvolver ao completo a escala cromática, pero a costa das súas calidades sonoras, en especial o seu brillo e potencia. Pero presentaba algunhas outras características, algunhas permitíalle unhas inauditas posibilidades: tiña unha tesitura de dúas oitavas, podía tocar en calquera tonalidade, modular adecuadamente ao estilo do clasicismo, e sobre todo, cantar melodiosamente, especialmente no rexistro grave, “coma un clarinete”.
Outros compositores da época tamén escribiron concertos para a trompeta inventada por Weidinger, como Johann Nepomuk Hummel (1778-1837), sucesor de Haydn como Mestre de Capela da familia Esterházy, en 1803, así como un trío con piano e violín, hoxe perdido; como tamén o checoLeopold Kozeluh (1747-1818) e o austríaco Joseph Weigl (1766-1846), fillo do que fora primeiro violonchelo da orquestra de Esterházy baixo a dirección de Haydn.
Véxase tamén
Bibliografía
Kramer, Jonathan. “Invitación a la música”, Ed. Javier Vergara Editor, S.A., Buenos Aires (Arxentina), 1993, pp. 337–339, ISBN 950-15-1237-1