Dende unha perspectiva zooxeográfica, a troita lacustre americana ten unha distribución relativamente reducida. É orixinaria do norte de América do Norte, atópase en case todo o Canadá, mais tamén de Alasca e nos estados dos Estados Unidos que bordean os Grandes Lagos[3]. A troita lacustre introduciuse amplamente en augas non nativas do resto de América do Norte [4] e en moitas outras partes do mundo, en Europa xa se introduciu entre 1881 e 1885[5], pero tamén en América do Sur, Marrocos, o Xapón e Nova Zelandia[6]. Na década de 1890 introduciuse legalmente nos lagos Shoshone, Lewis e Heart do Parque Nacional de Yellowstone, e na década de 1980 introduciuse, accidental ou ilegalmente no lago Yellowstone, onde agora se considera invasora[7].
Descrición
A troita lacustre americana é un dos salmónidos máis grandes, xunto co salmón real e o Hucho taimen e a meirande troita; o seu crecemento varía segundo o alimento ao seu dispor e da latitude da masa de auga. Pode acadar máis do metro de lonxitude e pasar dos 30 kg de peso[8]. O maior exemplar coñecido capturouse no lago Athabasca en 1961, pesaba 46,3 kg e tiña unha lonxitude de 126 cm.[9] Así e todo, o normal é que a súa lonxitude estea entre os 61 e os 91 cm e o seu peso entre 7 e 18 kg, o maior capturado con pana de pescar tiña un peso de 32,65 kg e a súa captura foi en 1995 en Gran Lago do Oso[10].
Presenta un corpo longo cheo de pequenas manchas pálidas sobre fondo máis escuro, e que varía de verde claro ou gris a verde escuro, marrón ou case negro[11]. As súas aletas pectorais e pelvianas amosan no bordo unha banda branca. É un peixe de crecemento lento, chega á madurez tarde, entre os 6/7 anos no sur e os 13 anos no norte[12]. Animal lonxevo, pode vivir ata os 30 e como máximo 50 anos.
Hábitat
A troita lacustre americana require augas frías e ricas en osíxeno. Son peláxicos, sobre todo durante o período estival e nos lagos dimícticos, a miúdo viven a profundidades de entre 20 e 60 metros, aliméntanse no termoclima principalmente de corégonos de Artedi e de Osmerus mordax e agás moi raras excepcións non frecuentan as ribeiras nin o medio mariño [13].
Ao ser un peixe de crecemento lento, propio das augas oligotróficas, e moitas poboacións autóctonas resultaron gravemente danadas polos efectos combinados da actividade das instalacións eclosionadoras e da sobrepesca. Outra ameaza é a acidificación, que pode ter efectos a longo prazo sobre as poboacións tanto por danos directos como pola redución nas poboacións das súas presas (p. ex. Mysis relicta ) [14].
Hai tres subespecies de troita lacustre, a común Salvelinus namaycush namaycush , a Salvelinus namaycush siscowet e a menos común Salvelinus namaycush huronicus. Algúns lagos non teñen peixes de presa peláxicos durante o período de estratificación estival e a troita lacustre americana actúa como planctívoro, e nestes casos os exemplares abondan, medran moi lentamente e chegan a madurez con tamaños relativamente pequenos. Naqueles lagos que conteñen presas de augas profundas, a troita lacustre faise piscívora e os exemplares medran moito máis rápido, maduran a un tamaño maior e son menos abundantes.
No Lago Superior conviven a común S. n. namaycush e S. n. siscowet . A común adoita permanecer en augas menos profundas, mentres que a siscowet permanece en augas máis fondas. A troita lacustre común é máis delgada ca relativamente gordecha siscowet. O número de siscowet diminuíu moito ao longo dos anos por mor da extinción local dalgunhas das presas coregoninas de augas profundas e máis á sobreexplotación. Os siscowet tenden a crecer máis grandes e gordos e atraeron un grande interese comercial no século pasado. As súas poboacións repuntaron dende 1970.
Híbridos
Sábese que a troita de lago hibrida na natureza coa Salvelinus fontinalis; estes híbridos, son polo xeral estériles pero nalgúns lagos existen poboacións autosuficientes fértiles [15]. Tamén se crían artificialmente en criadeiros e introducíronse en moitos lagos de América do Norte[16].
Pesca comercial
A troita lacustre pescábase comercialmente nos Grandes Lagos ata que a introdución da lamprea, a sobrepesca e a contaminación extinguiron ou diminuíron ata o extremo o número de exemplares. A pesca comercial aínda existe nalgunhas áreas dos Grandes Lagos e lagos do norte do Canadá como o Gran Lago do Escravo ou o Gran Lago do Oso A pesca tradicional e comercial da especie polos ojibwe no Lago Superior está permitida en virtude de varios tratados e está regulada pola Comisión de Peixe e Vida Silvestre dos Grandes Lagos (GLIFWC)[17].
Notas
↑Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000). Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. p. 61.
↑Claude Lassus (1992). Évaluation des modes de gestion de la faune aquatique. Ministère du Loisir, de la Chasse et de la Pêche, Québec. p. 30.
↑Ihssen, P. E.; Spangler, G. R. (1980). "The splake, a hybrid charr Salvelinus namaycush x S. fontinalis". En Balon, E. K. Charrs, Salmonid Fishes of the Genus Salvelinus. Dr. W. Junk Publishers. pp. 841–887.