O triforio (palabra que provén de triforium[1], en latín medieval) é un elemento arquitectónico característico da arquitectura gótica. Está situado enriba das arcadas das naves laterais dunha igrexa ou dunha catedral e consiste nun paso estreito que mira cara á nave central mediante unha liña de vans, normalmente xeminados, abertos no groso dos muros[1]. O conxunto deses vans ou aberturas leva o nome de triforio[2].
Non debe confundirse coa tribuna, que é un corredor cuxa anchura coincide coa da nave lateral sobre a que está construída e pretende ampliar a capacidade da igrexa; mentres que o triforio é estreito e, orixinalmente, non tiña unha función clara, pero ao ser un paso estreito que permite a circulación dunha persoa, facilita que se poida usar para facer o mantemento das partes elevadas da construción[3]. Co tempo, a función principal dos triforios foi a de facilitar a entrada de luz á nave central, aínda que tamén os había cegos. Cando coinciden tribuna e triforio, aquela constitúe o segundo piso, sendo o triforio o terceiro.
Nas catedrais situadas en rutas de peregrinación como o Camiño de Santiago, adoitaban ter a función de ser os lugares onde albergar aos peregrinos.
Galería
Bosquexo da estrutura do alzado dunha catedral gótica.
Esquema das alturas na catedral gótica. Modelo: catedral de Laón (Francia).
Triforio na Igrexa de Santa María, en Castro Urdiales (Cantabria).