Tribunal de Arbitraxe Internacional de Londres

O Tribunal de Arbitraxe Internacional de Londres (Fleet Street, 70, Londres)

O Tribunal de Arbitraxe Internacional de Londres (inglés: London Court of International Arbitration, LCIA) é unha institución con sede en Londres, Reino Unido, que proporciona servizos de arbitraxe internacional.

A sede da administración central do LCIA está en Londres. O LCIA é unha institución internacional que proporciona un foro para procedementos de resolución de conflitos para todas as partes, sen importar a súa localización ou sistema legal. A pesar de que a arbitraxe e os tribunais de arbitraxe formais provisionais son a súa principal actividade, o LCIA tamén realiza mediacións, unha forma alternativa de resolución de conflitos (MARC).

Historia

O 5 de abril de 1883 o Tribunal do Consello Comunal da Cidade de Londres organizou un comité para elaborar propostas para o establecemento dun tribunal para a arbitraxe de disputas comerciais nacionais e, en particular, internacionais que tiñan lugar no ámbito da City.

A Law Quaterly Review escribiu na inauguración do tribunal: "Esta Sala terá todas as virtudes das que a lei carece. Será expeditiva cando a lei é lenta, barata onde a lei é onerosa, sinxela onde a lei é técnica, conciliadora en troques de axitadora."

En 1884, o comité entregou o seu plan para un tribunal que estaría administrado pola Corporación da Cidade de Londres coa colaboración da Cámara de Comercio e Industria de Londres. A pesar de que o plan xurdira dunha necesidade real e urxente tivo que quedar en suspenso ata a aprobación da Lei Inglesa de Arbitraxe en 1889.

En abril de 1891, o proxecto foi finalmente adoptado e o novo tribunal foi nomeado Cámara de Arbitraxe da Cidade de Londres. Estaba situada no Guildhall, na City, baixo o mando administrativo dun comité de arbitraxe formado por membros da Cámara de Londres e da Corporación da Cidade.

A Cámara foi formalmente inaugurada o 23 de novembro de 1892, en presenza de abundante e distinguido público, entre o que se atopaba o Presidente da Xunta de Comercio. O interese era considerábel na prensa e en círculos legais e mercantís.

En abril de 1903, o tribunal foi rebautizado como Tribunal de Arbitraxe de Londres e, dous anos máis tarde, o Tribunal mudouse do Guildhall ás oficinas próximas da Cámara de Comercio de Londres. A estrutura administrativa do Tribunal permanecería sen grandes cambios durante os seguintes setenta anos.

En 1975, o Instituto de Árbitros (máis tarde Instituto Colexiado) xuntouse aos outros dous corpos administrativos e o anterior comité de arbitraxe deveu no Comité de Xestión Conxunta, reducindo o tamaño dos vinte e catro membros orixinais a dezaoito; seis representantes para cada unha das tres organizacións. O Director do Instituto de Árbitros pasou a ser o Secretario do Tribunal de Arbitraxe de Londres.

En 1981 o nome do Tribunal mudou a Tribunal de Arbitraxe Internacional de Londres, para reflectir a natureza do seu traballo, que era naquela altura maioritariamente internacional.

Operacións actuais e administración

O LCIA segue a ser unha das maiores institucións permanentes de arbitraxe internacional a día de hoxe. Dita as súas propias regras e procedementos, que con frecuencia son adoptados en arbitraxes ad hoc nas que o LCIA non está implicado.

O LCIA funciona como unha sociedade limitada por garantía sen ánimo de lucro. O consello de administración (formado en gran parte por prominentes profesionais da arbitraxe de Londres) ocúpase do funcionamento e desenvolvemento das actividades do LCIA e de que estas cumpran coas lexislación de sociedades aplicábel.

O consello de administración non ten un papel activo nos procedementos de resolución de conflitos, aínda que se preocupa do funcionamento administrativo do LCIA.

A Corte do LCIA é a autoridade final para a aplicación axeitada do Regulamento do LCIA. As súas funcións principais son designar tribunais, resolver recusacións de árbitros e controlar os custos.

A pesar de que a Corte do LCIA reúnese regularmente en sesión plenaria, a maioría das funcións que debería realizar segundo as regras e procedementos do LCIA son levadas a cabo, no seu lugar, polo Presidente, por un Vicepresidente ou por un Comité do Tribunal.

A Corte está formada por até trinta e cinco membros, seleccionados para proporcionar e manter un equilibrio de destacados profesionais en arbitraxe comercial, das principais áreas comerciais do mundo e dos que non máis de seis poden ser de nacionalidade británica.

Secretariado

Encabezado polo Secretario, o Secretariado do LCIA ten a súa sede no Centro Internacional de Resolución de Disputas, en Londres, e é o responsable para a administración no día a día de todas as disputas remitidas ao LCIA.

A administración dos casos do LCIA é moi flexíbel. Cada caso ten o seu propio computador, copias físicas dos arquivos e libros contábeis informatizados. Cada caso é monitorizado por computador, pero o nivel de apoio administrativo adáptase ás necesidades e desexos das partes e do tribunal (ou formas alternativas de resolución de conflitos), e ás circunstancias de cada caso.

Debido ás leis de confidencialidade, o LCIA non publica datos ou estatísticas sobre os asuntos que xulga.

Véxase tamén

Outros artigos

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!