Antoni Bou i Mena, coñecido como Toni Bou, nado en Piera o 17 de outubro de 1986, é un piloto catalán de trial. Foi 32 veces campión do mundo de trial entre 2007 e 2022, gañando nese período todos os títulos disputados tanto na modalidade indoor como ao aire libre. Deste xeito, é o piloto máis laureado da historia deste deporte, moi por diante de Dougie Lampkin, 12 veces campión do mundo, e de Jordi Tarrés campión sete veces.[1]
Traxectoria
Competiu por primeira vez en 1999, aos 12 anos, no Campionato Catalán cadete, do que se proclamou campión. En 2001 foi campión de España de trial júnior e dous anos despois debutou no Campionato do Mundo.[2] En 2003 proclamouse campión europeo de trial ao aire libre. A súa primeira vitoria mundial foi en 2006, tempada na que acabou 5º no campionato ao aire libre e 3º no cuberto. Ese mesmo ano foi campión de España ao aire libre.
En 2007 proclamouse por primeira vez campión do mundo, tanto no campionato indoor como ao aire libre, éxito que repetiu sucesivamente durante os seguintes 15 anos, sempre pilotando unha Montesa. Ademais, gañou co equipo español tódalas edicións do Trial des Nations entre os anos 2005 e 2022.
Na tempada 2009 conseguiu por primeira vez a tempada perfecta, ao gañar os títulos mundiais indoor e aire libre, os dous campionatos españois e o Trial des Nations, igualando unha fazaña que só conseguira Adam Raga en 2005, e que repetiu durante varias veces ao longo da súa carreira.
Palmarés
Campión do Mundo de Trial (16): 2007, 2008, 2009, 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, 2015, 2016, 2017, 2018, 2019, 2020, 2022.
Campión do Mundo de Trial Indoor (16): 2007, 2008, 2009, 2010, 2011, 2012, 2013, 2014, 2015, 2016, 2017, 2018, 2019, 2020, 2021, 2022.