The Only Good Indian é un filme estadounidense de 2009 dirixido por Kevin Willmott.
Sinopse
A historia está ambientada en Kansas a comezos do século XX. Un rapaz kickapoo (intepretado por Winter Fox Frank) é secuestrado da súa familia e obrigado a asistir a un internado indio distante, deseñado para acadar a asimilación cultural dos nativos americanos na sociedade branca dominante. Cando escapa para volver coa súa familia, Sam Franklin (Wes Studi), un cazarrecompensas de orixe cherokee, é contratado para atopalo e devolvelo á escola.
Franklin, un antigo explorador indio para o exército dos Estados Unidos, renunciou á súa herdanza nativa. Adoptou o modo de vida do home branco, crendo que é a única forma de sobrevivir dos indios. Ao longo do camiño, un tráxico incidente impulsou á antiga némese de Franklin, o sheriff Henry McCoy (J. Kenneth Campbell), o "combatente indio", a perseguir tanto a Franklin como ao neno.
O filme presenta tanto a lingua kickapoo como membros do pobo kickapoo.[1]
Personaxes
- Wes Studi como Sam Franklin
- J. Kenneth Campbell como Sheriff Henry McCoy
- Winter Fox Frank como Charlie
- Paul Butler como Harkin
- Thirza Defoe como Sally
- Christopher Wheatley como Mean Joe
- Laura Kirk como Miss Harris
- Delanna Studi como Aquene
Rodaxe
O filme rodouse case na súa totalidade en Kansas, sendo a única excepción unha escena no Parque Estatal Ha Ha Tonka de Misuri, con localizacións en Monument Rocks e Fort Larned. A rodaxe tivo lugar entre 2007 e 2008.
Acollida
Estreouse no Festival de Cinema de Sundance de 2009,[2] proxectado posteriormente noutros festivais de cinema.O filme valeulle a Willmott a honra de "Mellor director" no Festival de Cinema Indio Americano, así como mellor interpretación para Wes Studi e Winter Fox Frank no seu debut como o mozo kickapoo.[3]
Robert W. Butler da Kansas City Star considerou que Wilmott tivo boas intencións pero non se decatou do alcance da historia revisionista. Ao público gustoulle o filme mais non tivo unha ampla distribución.[4] The Hollywood Reporter eloxiou a interpretación de Studi.
Travis Keune, nunha recensión do filme no Festival de Cinema de Saint Louis, dixo que comezou cunha gran premisa e, aínda que a execución foi defectuosa, pagaba a pena vela.[5]
Notas