O grupo foi fundado en 2003 por Cecilia Boström (voz), Helen Lindberg (baixo), Niclas Svensson (batería) e Håkan Sörle (guitarra). O nome fai referencia ao goberno sueco, que segundo os membros do grupo compórtase como unha horda de babuínos salvaxes. En maio de 2004 publicaron un EP autoproducido, This Is It!. Axiña lograron o recoñecemento de teren un dos mellores directos de Suecia.
Posteriormente ficharon co selo independente sueco National e lanzaron o seu primeiro álbum, Don't Don't Don't en outubro de 2005. Publicaron dous singles deste traballo, «Boredom Boredom Go Away!» e «It's a sin». Seguírono os álbums Pep Talk en maio de 2006 e Betsy's Revenge en 2007.[1] En 2008 lanzaron unha versión do tema Money, Money, Money de ABBA como sinxelo, producida por Claes Olson.[2] En 2009 publicaron un álbum recompilatorio, The Best of the Baboon Show.
En 2010 Helen Lindberg deixa a banda e entra Lisa Bünger no seu lugar como baixista. Ese ano publicaron o seu cuarto álbum, Punk Rock Harbor. A banda asinou, ademais, cos selos independentes Kidnap Music, de Alemaña, e Cargo Records, de Reino Unido.[3] O álbum foi producido por Pelle Gunnerfeldt (The Hives, Randy). Con este álbum e a xira posterior The Baboon Show déronse a coñecer a nivel internacional. En Suecia xa soaban habitualmente na radio.[4] A finais de 2011 o grupo fixo unha xira por Suecia, Alemaña, Noruega, Finlandia, Dinamarca, Francia, República Checa, Grecia e Cuba. En xaneiro de 2013 publicaron o álbum People's Republic of the Baboon Show Formerly Known as Sweden.
En xullo de 2013 o grupo anunciou que Frida Ståhl substituía a Lisa Bünger no baixo. Segundo o comunicado, Bünger non podía dedicarlle o tempo suficiente a The Baboon Show debido ao traballo no seu club de música en Estocolmo. O 28 de marzo de 2014 publicouse o álbum Damnation. Tras varias visitas a Cuba, en 2015 saíu o recompilatorio Havana Sessions, no que o grupo gravou as súas propias cancións xunto a músicos cubanos.
The Baboon Show foi o abreconcertos do grupo alemán Die Toten Hosen na súa xira «Laune der Natour», nos concertos en Colonia, Stuttgart e Berlín en decembro de 2017.[5]
En marzo de 2022 a cantante Cecilia Boström, xunto co grupo alemán Itchy, gravou unha versión da canción Womanarchist do grupo estadounidense Bad Cop/Bad Cop. O título da canción é unha combinación das palabras inglesas «woman» (muller) e «anarchist» (anarquista).
Estilo musical
O estilo de The Baboon Show mestura «o punk do 77, o garage e o power pop».[6] Teñen influencias de X-Ray Spex, Blondie, Ramones, Buzzcocks, AC/DC, Toy Dolls e Dead Kennedys.[1] As maioría das cancións son curtas, directas e moi apegadizas, case sempre sen intros longas nin coros ou similares. O álbum Damnation, por exemplo, ten 10 temas e unha duración total de 27 minutos. A característica voz da cantante Cecilia Boström e o son duro, purista, ás veces case metálico da guitarra solista son trazos inconfundíbeis do estilo do grupo.
As súas letras son moitas veces críticas políticas e sociais. Tratan cuestións como a explotación da clase traballadora, as críticas aos Estados Unidos e o desafío á autoridade, vistos desde unha perspectiva de esquerdas próxima ao socialismo.
Discografía
Álbums de estudio
2005: Don’t Don’t Don’t (National)
2006: Pep Talk (National)
2007: Betsy’s Revenge (National)
2010: Punk Rock Harbour (National/Kidnap Music/Cargo Records)
2013: People’s Republic of The Baboon Show Formerly Known as Sweden (National/Kidnap Music/Cargo Records)
↑"The Baboon Show". National - Playground Music Sweden(en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de febreiro de 2014. Consultado o 20 de febreiro de 2023.