Os terminais axónicos (tamén chamados botóns sinápticos) son as terminacións distais das ramas dun axón. Unha fibra nerviosa axónica é unha longa e delgada proxección dunha célula nerviosa ou neurona, que conduce impulsos eléctricos (chamados "potenciais de acción") desde o corpo celular da neurona ou soma e transmíteos a outras neuronas.
As neuronas están interconectadas de forma complexa, e utilizan sinais electroquímicos e neurotransmisores químicos para transmitir impulsos dunha neurona á seguinte; os terminais axónicos únense ás outras neuronas na sinapse, e están separadas das neuronas veciñas por un pequeno espazo, a través do cal se envían os impulsos. O axón terminal, e a neurona da cal forma parte, denomínase neurona presináptica.
Liberación do impulso nervioso
Os neurotransmisores están empaquetados en vesículas sinápticas que se acumulan debaixo da membrana do axón terminal no lado presináptico da sinapse. Os terminais axónicos están especializados en liberar o impulso eléctrico da célula presináptica.[1] Os teminais liberan substrancias transmisoras no espazo ou fenda chamada fenda sináptica situada entre os terminais axónicos e as dendritas da seguinte neurona. A información é recibida polos receptores situados na dendrita da célula postsináptica. As neuronas xeralmente non se tocan unhas con outras, senón que se comunican a través da sinapse.
As moléculas do neurotransmisor están contidas dentro de vesículas que se forman dentro das neuronas, que viaxan ata o extremo do axón, onde se fusionan coa membrana. Os ións de calcio activan despois unha fervenza bioquímica que dá lugar á fusión de vesículas coa membrana presináptica e liberan o seu contido na fenda sináptica uns 180 µs despois da entrada de calcio.[2] Activadas pola unión de ións de calcio, as proteínas da vesícula sináptica empezan a separarse, o que dá lugar á creación dun poro de fusión. A presenza do poro permite a liberación dos neurotransmisores na fenda sináptica.[3] O proceso polo que se libera o contido das vesículas denomínase exocitose.
Desenvolvéronse métodos para visualizar a actividade sináptica no cerebro por medio dunha tinguidura fluorescente que detecta os niveis do calcio e o fluxo de calcio na neurona presináptica.[4][5][6][7]
Notas
↑"Axon Terminal". Medical Dictionary Online. Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o February 6, 2013.
Vaquero, Cecilia F; de la Villa, Pedro (1999). "Localisation of the GABAC receptors at the axon terminal of the rod bipolar cells of the mouse retina". Neuroscience Research35 (1): 1–7. PMID10555158. doi:10.1016/S0168-0102(99)00050-4.
Roffler-Tarlov, Suzanne; Beart, P.M.; O'Gorman, Stephen; Sidman, Richard L. (1979). "Neurochemical and morphological consequences of axon terminal degeneration in cerebellar deep nuclei of mice with inherited purkinje cell degeneration". Brain Research168 (1): 75–95. PMID455087. doi:10.1016/0006-8993(79)90129-X.