Teodomiro Gutiérrez Cuevas, nado en 1864, alcumado Rumi Maqui (do quechua man de pedra), foi un militar peruano. En 1915 encabezou unha rebelión campesiña no departamento de Puno (sur do Perú), que foi reprimida severamente polas tropas gobernamentais co apoio dos terratenientes locais.[1] Foi capturado en 1916 e sometido a xuízo por sedición e traizón á patria, sendo condenado a 20 anos de prisión. A partir de entón pérdese o seu rastro, descoñecéndose a data e as circunstancias da súa morte.
Traxectoria
Servizo militar
Fixo carreira no exército peruano, chegando a escalar ao grao de sarxento maior de cabalaría. Durante a guerra do Pacífico loitou na campaña da Breña, á beira do xeneral Andrés A. Cáceres.
En 1903 foi nomeado subprefecto de Chucuito, mais polas súas medidas a prol dos labregos foi denunciado polos facendados ante o goberno central, sendo retirado do cargo en 1904. Os facendados tiñan daquela unha grande influencia nas altas esferas do goberno; varios deles eran mesmo parlamentarios e funcionarios públicos.
En 1913, foi enviado polo presidente Guillermo Billinghurst a Puno como comisionado especial para solicitar un informe polo miúdo sobre a situación das facendas e os campesiños do departamento de Puno, o cal era daquela unha zona moi convulsionada polas protestas sociais (como por exemplo a rebelión de Juan Bustamante Donas, en 1867-1868). Malia as trabas que lle impuxeron os facendados, cumpriu ese labor e elevou o seu informe ao goberno de Lima, mais pouco despois Billinghurst foi derrocado polo coronel Óscar R. Benavides, o 4 de febreiro de 1914. Esta conxuntura foi aproveitada por Bernardino Arias Echenique, facendado puneño e deputado, para emprender unha campaña contra Gutiérrez. Ao carecer de apoio, a Gutiérrez non lle quedou outra opción que saír do país, dirixíndose a Bolivia. Posiblemente viaxou tamén á Arxentina e Chile, países onde se iniciou no anarquismo.
Reivindicador e anarquista
O certo é que, empapado xa de ideas anarquistas, Gutiérrez regresou ao Perú en 1915. En Puno asumiu o nome de xeneral Rumi Maqui e comezou a tomar contacto cos campesiños. Converxendo o anarquismo co milenarismo indixenista, predicou a necesidade dun gran levantamento campesiño para aniquilar os facendados e reimplantar o Tahuantinsuyo ou Imperio incaico. O seu plan era formar un exército campesiño, para o que convocou aos indios de Cuzco, Abancay, Ayacucho, tamén de Bolivia e dende logo, Puno, que se converteu na base das súas operacións. Este movemento tamén tomou un carácter separatista, pois se di que Gutiérrez negociou co goberno boliviano a anexión de Puno ao seu territorio en troques de axuda.
Alzamento en armas
En decembro de 1915 Rumi Maqui iniciou a sublevación, ao mando de centos de indios de Huancané e Azángaro. Segundo outra versión, chegou a mobilizar 2.000 indíxenas. A nova desta rebelión causou sorpresa en Lima, aínda que tamén ironía, polo carácter de mesianismo incaico co que estaba tinguida.
Os sublevados atacaron as facendas, símbolos da opresión do terratenente. Arrasaron a facenda de Arias Echenique, onde houbo 60 mortos; logo fixeron o mesmo con outra en Juliaca. Pero a indisciplina das tropas campesiñas e o apresuramento por obter logros xogaron en contra dos rebeldes, permitindo que os facendados se organizasen e desatasen unha brutal represión.
Rumi Maqui logrou fuxir e ocultouse por un tempo, ata que foi capturado e denunciado por traizón á patria (aludíndose ao seu suposto plan de secesión de Puno a favor de Bolivia). Foi condenado a 20 anos de prisión. No Congreso da República foi defendido polo deputado Luis Felipe Luna, que salientou que o delito de Gutiérrez foi só o de querer reivindicar a liberdade e a igualdade de dereitos para os indíxenas, sinalando que as acusacións de querer ceder territorio a Bolivia ou de restaurar a monarquía incaica foron inventadas polos facendados, que pretendían así tapar os seus propios crimes e gañar o apoio da opinión pública (sesión parlamentaria do 18 de outubro de 1916).
Sentenza e enigma de morte
Logo de devandita condena, non se soubo máis sobre Rumi Maqui, a súa imaxe perdeuse na historia. Unha versión mesmo afirma que en realidade nunca foi detido.
Notas
- ↑ Luis Ayala Olazával: El Bicentenario, refundación del Perú y otros contraensayos esenciales Lima 2018
Véxase tamén
Bibliografía
- Basadre Grohmann, Jorge: Historia de la República del Perú (1822 - 1933), Tomo 13, pp. 283-284. Editada pola Empresa Editora El Comercio S. A. Lima, 2005. ISBN 9972-205-75-4-1 (V.13)
- Flores Galindo, Alberto: Buscando un Inca. Identidad y utopía en los Andes, pp. 209-215. Biblioteca Imprescindibles peruanos. Empresa Editora El Comercio. Lima, 2010. ISBN 978-612-4069-52-9
- El siglo XX de El Comercio Tomo 2 (1910-1919), pp. 98-99. Empresa Editora El Comercio y Plaza & Janés S.A., Edición de Perú, 2000. ISBN 9972-617-15-7 (Tomo II).