É de tamaño mediano, ollos pequenos, orellas relativamenmte grandes e fociño longo, aínda que non tanto como o do oso formigueiro xigante . Mide entre 50 e 80 cm de lonxitude (cabeza e tronco), máis entre 40 e 65 cm do cola. Pesa entre 3,5 e 8,5 kg. A cola é prénsil, adaptación á súa vida arborícola.
A súa pelaxe, curta, mesta e áspera, é de cor amarela pálida na maior parte do corpo, cun parche distintivo de pelaxe negra nos costados, as costas e os ombros, cuxa forma semella un chaleco. A presenza deste patrón de coloración fai posíbel distinguir esta especie do seu parente do sur, Tamandua tetradactyla, o tamanduá meridional, que ten unha cor máis uniforme.[1]
A cola só ten pelo na parte superior sobre aproximadamente un terzo da súa lonxitude.[2]
As patas dianteiras teñen catro dedos rematados en uñas fortes, que utiliza para romper os niños de formigas e térmites, e para defenderse; as traseiras teñen cinco dedos, coas uñas menos potentes.[2]
Comportamento
É un animal non agresivo, que case sempre foxe ante un perigo. Solitario, ten hábitos nocturnos e arbóreos. Pasa a maior parte do tempo nas árbores, e o seu desprazamento en terra é bastante dificultoso.[2]
Porén, ás veces, cando está ameazado en terra, pódese defender erguéndose sobre as patas traseiras e golpear ao agresor coas fortes gadoupas das patas dianteiras.
Aliméntase basicamente de formigas e térmites, pero tamén doutros insectos, e das súas larvas, que localizan baixo a codia dos troncos e pólas das árbores.[2]
A xestación dura 5 meses, tras os cales a femia pare unha cría.
O nome xenérico, Tamandua, procede do tupí-guaraní tamanduá, que significa "comedor de formigas", é dicir, "oso formigueiro".[5] O específico, mexicana, fai referencia á súa distribución xeográfica.
Tamandua mexicana punensis J. A. Allen, 1916 - Ecuador, Perú
Status de conservación
En 2014 a Unión Internacional para a Conservación da Natureza e dos Recursos Naturais (UICN) cualificou o status de Tamandua mexicana como LC (pouco preocupante) debido á súa ampla distribución, a suposta amplitude da súa poboación, a que se encontra nunha serie de áreas protexidas, á súa tolerancia a pequenas modificacións do seu hábitat, e porque é pouco probábel que a súa poboación estea diminuíndo o suficiente como para cualificala nunha categoría ameazada.[6]
Kowalski, Kazimierz (1981): Mamíferos. Manual de teriología. Madrid: H. Blume Ediciones. ISBN 84-7214-229-9, p. 341.
McKenna, Malcolm C. & Bell, Susan K. (1997): Classification of Mammals Above the Species Level. Nova York: Columbia University Press. ISBN 0-231-11013-8.
Nowak, Ronald M. (1999): Walker's Mammals of the World. 6ª ed. Baltimore, Maryland, EE. UU.: The Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-5789-8.