A Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima, tamén coñecida polo acrónimo SASEMAR ou de modo extraoficial como Salvamento Marítimo, é un ente público empresarial encargado da seguridade marítima en augas españolas. Está baixo dependencia directa do Ministerio de Fomento de España por medio da Dirección Xeral da Mariña Mercante.[1] A súa fundación data do ano 1992, por mor da promulgación da Lei 27/92 de Portos do Estado e da Mariña Mercante, entrando en funcionamento no ano 1993.[2]
A Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima ten como principal tarefa a de levar a cabo operacións de procura e rescate nas zonas de responsabilidade asignadas a España, que cobren máis de 1 500 000 km².[3] Tamén ten asignadas outras tarefas como a loita contra a contaminación marítima, o control do tráfico marítimo -especialmente en zonas de gran tráfico como son o Estreito de Xibraltar e o dispositivo de separación de tráfico (DST) á altura de Fisterra -, e a asistencia a embarcacións.[4]
Notas