Simón de Cirene ou O Cirineo foi, segundo os evanxeos de Marcos[1], Mateu[2] e Lucas,[3] a persoa que lle axudou a Xesús a levar a súa cruz até o Gólgota, onde logo sería crucificado. Dise que foi obrigado a portar a cruz cando viña dos agros, e no evanxeo de Marcos faise referencia a el como "pai de Alexandre e de Rufo". Non hai ningún dato máis acerca del no Novo Testamento e non aparece no Evanxeo de Xoán.
A súa cidade de orixe, Cirene, estaba situada no norte de África. Segundo a tradición, seus fillos Rufo e Alexandre fixéronse misioneiros. O feito de que se mencionen os seus nomes suxire que puideron tratarse de personaxes relevantes no cristianismo primitivo.
O saíren atoparon un home de Cirene, chamado Simón; e obrigárono a levar a cruz de Xesús
Pasaba por alí Simón de Cirene, que volvía da leira —o pai de Alexandro e de Rufo— e obrigárono a cargar coa cruz.
Cando o levaban, botaron man dun certo Simón de Cirene, que viña da leira, e cargáronlle a cruz, para que a levase detrás de Xesús.
Suposto substituto de Xesús na cruz
Nalgúnhas tradicións relixiosas, Xesús non foi o crucificado, senón que outra persoa sería quen morreu na cruz. Especialmente, esa persoa identifícase con Simón de Cirene, un apóstolo ou Xudas Iscariote.[7]
Para os docetistas fora Simón de Cirene quen morrera na cruz e non Xesús, tese que foi recollida por Basílides e os gnósticos mais atacada por Ireneo de Lión no século II.[8][9] Segundo algúns estudosos, como Dominique Cerbelaud, o Evanxeo de Xoán, o último en ser escrito, omite a mención a Simón de Cirene no seu relato da crucifixión de Xesús para deslexitimar as correntes que xa o identificaban como o verdadeiro crucificado.[10]
Dado que o Corán afirma que Xesús non foi crucificado (sura 4, versículo 157), senón que tivo a aparencia de selo, moitos esexetas intentaron identificar quen foi o crucificado.[11] Deste xeito, na primeira literatura islámica sinalouse a Simón de Cirene, aínda que gañou popularidade un suposto décimo terceiro apóstolo chamado Serxio, segundo defendeu Tabari; e, sobre todo, Xudas Iscariote, tese defendida por Muqātil ibn Sulaymān, xa no século VIII, que deviría na dominante na tradición islámica.[12][13]