Sarah Maria Beach, coñecida como Sarah Guppy, nada en Birmingham o 5 de novembro de 1770 e finada o 24 de agosto de 1852, foi unha inventora británica que contribuíu ao deseño da infraestrutura de Gran Bretaña. En 1811 foi a primeira muller que patentou unha ponte, que logo serviu para a construción da ponte colgante de Clifton en Bristol, e desenvolveu varios produtos de uso doméstico.[1][2] Foi unha pioneira na loita por que as mulleres puidesen asistir a clase, simplemente coa súa propia asistencia a clase e o seu esforzo persoal que deixou atrás moitos prexuízos.
Traxectoria
Sarah Maria Beach patentou en marzo de 1811 a primeira das súas invencións, «Novo modo de construír e erixir pontes e ferrocarrís sen arcos», un método para facer pilotes seguros para pontes e as vías férreas.[3][4]
O enxeñeiro Thomas Telford pediulle permiso para usar o seu deseño patentado para as fundacións de pontes suspendidas, e concedeullo de forma gratuíta para a ponte colgante sobre o estreito de Menai.[5] Como amiga de Isambard Kingdom Brunel e a súa familia involucrouse no Great Western Railway, escribindo aos directores con ideas e dando o seu apoio.Tampouco tivo rédito económico cando Brunel utilizou o seu deseño para a construción da ponte colgante de Clifton en Bristol. En 1841 escribiu unha carta recomendando plantar salgueiros e álamos para estabilizar os terrapléns. Continuou ofrecendo consello técnico a pesar de que, como escribiu, «é desagradable falar dun mesmo -pode parecer xactancioso especialmente nunha muller.»[6]
Patentes e publicacións
Como as mulleres non podían rexistrar as patentes co seu nome, debía realizalo o seu esposo, polo cal, en nome da familia Guppy rexistráronse dez patentes na primeira metade do século XIX, incluíndo un método para manter aos barcos libres de crustáceos que levou a un contrato do goberno por valor de £ 40.000.[7] Outras invencións incluíron unha cama con equipo de exercicio incorporado, un dispositivo para un té ou café que cociñaría os ovos no vapor, un pequeno prato para manter o pan tostado e un dispositivo para "melloras no calafateo de barcos, botes e outros buques".[8][9][10] Ademais inventou a campá extractora, o sistema de rociadores contra incendios e patentou un novo tipo de candelabro que permitiu que as candeas durasen máis tempo.[11][4]
Escribiu The Cottagers and Labourers Friend e Dialogues for Children en dous volumes. As súas obras foron consideradas entretidas e instructivas para os nenos, e novamente non quixo obter lucro das súas publicacións, as ganancias derivadas da súa venda destináronse a unha escola de caridade para nenas en Bristol.[3]