O sapo común[3][4] (Bufo bufo) é un anuro moi habitual en toda clase de hábitatseuropeos, sobre todo naqueles con certo grao de contaminación, como balsas de rega, estanques etc. Distribúese por toda Europa agás Irlanda e algunhas illas mediterráneas. É un dos anuros máis coñecidos, dada a súa distribución e requirimentos ecolóxicos laxos.
Un feito curioso que poucos coñecen é a capacidade dos sapos de atraer presas movendo un dos dedos das súas patas traseiras coma se dunha miñoca se tratase.
Crese que o sapo é un animal pezoñento e que a mucosidade da súa pel, o seu cuspe e mesmo os ouriños son tóxicos para quen os toque. Dise que ese mexo pode cegar a quen o recibe ou provocarlle bochas na pel (mal do coxo ou mal do goxo).
Tamén é quen de botar un mal de aire denominado especificamente mal de sapo. O Domingo de Ramos era tradición bendici-las leiras cunha póla de oliveira e auga bendita, para expulsa-los posibles seres maléficos:
Sapos e ratos,/ bruxas e meigas,/ fóra das miñas veigas.
Pero tamén entran na terapéutica popular, e así pretendíase cura-la reuma refregando cun sapo a articulación dorida. Colgando do pescozo dunha parturiente unha bulsa con dous sapos vivos, evitábanse as hemorraxias tralo parto. Para cura-las anxinas a un rapaz era bo colocarlle na gorxa un sapo aberto.
Os ollos dun sapo formaban parte do remedio para cura-lo tangaraño dos nenos (raquitismo):
A nai unha bulsa/ colgoulle ó pescozo con escapularios,/ medallas e figos/ a pel dunha cobra e os ollos dun sapo.
↑Frost, Darrel R. (31-1-2011). "Bufonidae". Amphibian Species of the World: an Online Reference. Version 5.5. American Museum of Natural History. Consultado o 24-8-2012.
↑Vocabulario forestal, páx. 191, Servizo de Normalización Lingüística, Universidade de Santiago de Compostela, 2012