Samuele Longo, nado en Valdobbiadene (Treviso, Véneto) o 12 de xaneiro de 1992, é un futbolista italiano. Xoga de dianteiro na Ponferradina, da Primeira División RFEF.
Traxectoria
Comezos
Comezou a xogar ao fútbol na canteira do Quartier del Piave, ingresando en 2004 nas categorías inferiores do Treviso, onde permaneceu ata 2009. A continuación pasou ao Inter de Milán, xunto ao seu compañeiro Mame Thiam.[1] O club lombardo cedeuno en 2010 ao Piacenza e en 2011 ao Genoa. De regreso en Milán, na tempada 2011/12 marcou 8 goles en 21 partidos co equipo xuvenil no Campionato Primavera, ás ordes de Andrea Stramaccioni, ademais doutros dous no Torneo di Viareggio e catro da NextGen Series (incluído un na final que o seu equipo gañou ante o Ajax).[2]
Inter de Milán
Stramaccioni, que fora nomeado adestrador do primeiro equipo, fíxoo debutar na Serie A o 13 de maio de 2012, nun partido ante a Lazio no que substituíu no cuarto de hora final a Andrea Poli.[3] En xuño, nas semifinais do Campionato Primavera, asinou un triplete na vitoria por 4-3 sobre o Milan,[4] e marcou tamén na final ante a Lazio, conseguindo o título e quedando preto dos 20 goles na tempada.[5] O 9 de agosto debutou co primeiro equipo en competición europea, nun encontro ante o Hajduk Split na fase previa da Europa League.[6] Foi incluído pola revista Don Balón na súa lista dos mellores xogadores novos de 2012.[7]
Cesión ao Espanyol
Para a tempada 2012/13 foi cedido ao Espanyol, da Primeira División de España. Debutou na terceira xornada de liga, sendo titular ante o Levante no Ciutat de València, e aos 21 minutos de xogo enganchou unha volea coa que superou ao gardameta uruguaio Gustavo Munúa, facendo o primeiro gol do partido, aínda que a vitoria acabou sendo para o Levante por 3-2.[8] Marcou tamén no seu segundo partido, ante o Athletic Club, segundos antes de ser expulsado por dobre cartón amarelo por celebrar o gol cos seareiros na bancada.[9] Disputou un total de 20 partidos co club catalán, anotando tres goles, ata que unha luxación nun ombreiro obrigouno a unha intervención cirúrxica e afastouno dos terreos de xogo por un tempo.[10]
Cesións ao Verona, Rayo Vallecano, Cagliari e Frosinone
Na tempada 2013/14 xogou cedido media campaña no Hellas Verona e outra media no Rayo Vallecano, sen contar con apenas minutos en ningún dos dous conxuntos. A continuación foi cedido ao Cagliari, co que disputou 28 partidos (a maioría deles saíndo dende o banco de suplentes) e ao Frosinone.
Cesión ao Girona
En 2016 regresou a Cataluña para xogar cedido no Girona, da Segunda División, onde conseguiu os mellores rexistros da súa carreira deportiva. Ás ordes de Pablo Machín, disputou un total de 38 encontros, 23 deles saíndo dende o once inicial, e marcou 14 goles, sendo o máximo anotador do seu equipo. Deste xeito foi o referente en ataque do Girona, por diante de xogadores como Fran Sandaza ou Portu, sendo unha peza clave para que o club catalán conseguise o primeiro ascenso á Primeira División da súa historia.[11]
Cesións ao Tenerife, Huesca e Cremonese
De volta no Inter, xogou varios amigables ás ordes de Spalletti, pero acabou saíndo cedido de novo, desta vez ao Tenerife, tamén de Segunda. No club canario continuou con bos números goleadores, acadando as 12 dianas ata que unha lesión lle fixo perder a parte final da tempada. Na primeira metade da campaña 2018/19 xogou co Huesca en Primeira, disputando 17 encontros nos que marcou un gol, antes de cambiar de equipo en xaneiro, sendo cedido polo Inter ao Cremonese, da Serie B italiana, onde apenas contou con minutos de xogo.
Cesión ao Deportivo da Coruña
O 16 de agosto de 2019 saíu cedido ao Deportivo da Coruña, da Segunda División.[12] Debutou coa camiseta branca e azul na primeira xornada da tempada 2019/20, substituíndo ao berciano Borja Valle nos minutos finais da vitoria por 3-2 ante o Oviedo en Riazor. Disputou un total de 15 partidos co club galego, 8 deles como titular, e marcou un único gol, grazas a un penalti na Copa do Rei ante o Illueca,[13] O 31 de xaneiro de 2020, o Deportivo e o Inter de Milán acordaron a finalización da cesión do xogador.[14]
Cesión ao Venezia
Inmediatamente trala súa marcha da Coruña, anunciouse unha nova cesión do xogador, a 11ª consecutiva, desta vez ao Venezia FC.[15] No equipo véneto disputou un total de 17 encontros na Serie B, anotando 4 goles.
Vicenza
En outubro de 2020 desvencellouse definitivamente do Inter, despois de 11 anos na súa estrutura, e asinou co Vicenza, da Serie B.[16] Marcou 4 goles co equipo de Vicenza en 34 partidos durante o seguinte ano e medio, sendo cedido en xaneiro de 2022 ao Modena, co que conseguiu o ascenso á Serie B.
Países Baixos e Grecia
Na tempada 2022/23 militou no Dondrecht, club da segunda categoría neerlandesa, co que marcou 12 goles en 37 partidos. En xullo de 2023 asinou co Lamia, da Superliga de Grecia, co que disputou 12 encontros, anotando un gol.[17]
Ponferradina
En xaneiro de 2024 anunciouse a súa fichaxe pola Ponferradina, da Primeira División RFEF, sendo este o 17º club da súa carreira.[18]
Palmarés
- Modena
Notas
- ↑ "Lo "zio" Donadel e gli altri in serie A" (en italiano). 8 de xullo de 2013. Consultado o 28 de xaneiro de 2024.
- ↑ "Inter, è Champions, battuta l'Ajax ai rigori". la Repubblica (en italiano). 25 de marzo de 2012. Consultado o 28 de xaneiro de 2024.
- ↑ Clari, Valerio (13 de maio de 2012). "Candreva e Mauri domano l'Inter. Niente Champions, ma Lazio quarta" (en italiano). Consultado o 28 de xaneiro de 2024.
- ↑ Gaetano, Imparato (7 de xuño de 2012). "Inter pazzesca Longo è super Milan k.o. al 122'". La Gazzetta dello Sport (en italiano). Consultado o 29 de xaneiro de 2024.
- ↑ "Inter campione d'Italia. Lazio battuta in finale". la Repubblica (en italiano). 9 de xuño de 2012. Consultado o 29 de xaneiro de 2024.
- ↑ Gerna, Jacopo (9 de agosto de 2012). "Inter avanti col brivido. Ma che figura con l'Hajduk!". La Gazzetta dello Sport (en italiano). Consultado o 29 de xaneiro de 2024.
- ↑ "101 prospetti per il futuro. Ecco la lista di Don Balon" (en italiano). 13 de novembro de 2012. Consultado o 29 de xaneiro de 2024.
- ↑ "Longo: "Espero que mis goles sirvan para ganar"" (en castelán). 3 de setembro de 2012. Consultado o 1 de febreiro de 2024.
- ↑ "Presentan alegaciones por las dos expulsiones del Espanyol". As (en castelán). 17 de setembro de 2012. Consultado o 1 de febreiro de 2024.
- ↑ "Longo, quirófano y adiós a la Liga por su luxación de hombro". As (en castelán). 17 de abril de 2013. Consultado o 1 de febreiro de 2024.
- ↑ Torres, Aleix (4 de xuño de 2017). "La temporada histórica del Girona, en números" (en castelán). Consultado o 1 de febreiro de 2024.
- ↑ "Samuele Longo, novo xogador do Dépor 2019-2020". Deportivo da Coruña. 16 de agosto de 2019.
- ↑ "Longo e Koné dan ao Dépor o pase á segunda rolda copeira (0-2)". Deportivo da Coruña. 17 de decembro de 2019. Consultado o 1 de febreiro de 2024.
- ↑ "Finaliza a cesión de Samuele Longo no Deportivo". Deportivo da Coruña. 31 de xaneiro de 2020. Consultado o 1 de febreiro de 2024.
- ↑ "Samuele Longo deja el Deportivo y jugará en el Venezia FC" (en castelán). 31 de xaneiro de 2020. Consultado o 4 de febreiro de 2020.
- ↑ "Ufficiale: Samuele Longo a titolo definitivo dall’Inter" (en italiano). 5 de outubro de 2020. Consultado o 1 de febreiro de 2024.
- ↑ "Nuova avventura all'estero per Samuele Longo. La punta vola in Grecia" (en italiano). 27 de xullo de 2023. Consultado o 1 de febreiro de 2024.
- ↑ "Samuele Longo es el ‘nueve’ de la Ponferradina" (en castelán). 30 de xaneiro de 2024. Consultado o 1 de febreiro de 2024.
Véxase tamén
Ligazóns externas
|
---|
2.º descenso a Segunda División B |
|