Sachin Ramesh Tendulkar (|ˌsʌtʃɪn tɛnˈduːlkər|), nado en Mumbai o 24 de abril de 1973, é un xogador de crícket indio, antigo capitán da selección nacional india. Está amplamente recoñecido como o mellor bateador da historia do crícket.[1] Realizou tamén o maior número de carreiras na historia deste deporte. É coñecido coloquialmente como Little Master ou Master Blaster.[2][3][4][5]
Tendulkar é o único xogador que marcou cen centuries internacionalmente e o primeiro bateador en marcar un double century nunha competición One Day International (ODI), conserva a marca de máis carreiras tanto en Test como en ODI, e é o único xogador que completou máis de 30 000 carreiras no crícket internacional.[6]
Traxectoria
Tendulkar iniciouse no crícket aos once anos, debutando o 15 de novembro de 1989 contra a selección de Paquistán en Karachi con dezaseis anos. Estivo representando o equipo de Mumbai nas competicións nacionais e a India nas internacionais durante case vinte e catro anos.
En 2001, Sachin Tendulkar converteuse no primeiro bateador que completou 10 000 carreiras ODI runs nas súas 259 entradas.[7] En 2002, na medio da súa carreira, Wisden Cricketers' Almanack nomeouno o segundo mellor bateador en Test de todos os tempos, tras Don Bradman, e o segundo mellor en ODI, tras Viv Richards.[8] Posteriormente na súa carreira, Tendulkar foi parte do equipo indio que gañou a Copa Mundial de 2011, primeira vitoria nas seis participacións da India na Copa do Mundo.[9] Anteriormente fora nomeado "Xogador do Torneo" na edición de 2003 celebrada en Suráfrica. En 2013, foi o único xogador indio incluído no Test World XI formado para celebrar o 150 aniversario de Wisden Cricketers' Almanack.[10][11][12]
Tendulkar recibiu en 1994 o Arjuna Award polos seus méritos deportivos, o premio Rajiv Gandhi Khel Ratna, máxima condecoración deportiva da India, en 1997, e os premios Padma Shri e Padma Vibhushan en 1999 e en 2008, respectivamente, que son o cuarto e o segundo premios civís máis altos do seu país.[13] Unhas poucas horas despois do seu último partido o 16 de novembro de 2013, a oficina do Primeiro Ministro da India anunciou a decisión de outorgarlle o Bharat Ratna, máxima distinción civil da India.[14][15] Foi o receptor máis novo e o primeiro deportista en obtelo.[16][17] Gañou tamén o Sir Garfield Sobers Trophy de 2010 como xogador de crícket do ano nos premios da ICC.[18] En 2012, Tendulkar foi candidato á Rajya Sabha, cámara alta do Parlamento da India.[19] Foi tamén o primeiro deportista e a primeira persoa sen pasado na aviación en recibir o rango honorario de group captain da Forza Aérea India.[20] En 2012, foi nomeado membro de honra da Orde de Australia.[21] En 2010, a revista Time incluíu a Tendulkar na súa listaxe anual das cen persoas máis influentes do mundo.[22]
En decembro de 2012, Tendulkar anunciou a súa retirada das ODI.[23] Retirouse do Twenty20 en outubro de 2013[24] e posteriormente retirouse de todas as formas de crícket o 16 de novembro de 2013 despois de xogar o seu 200º partido Test contra o equipo das Indias Occidentais no Wankhede Stadium de Mumbai.[25] Tendulkar xogou 664 partidos de crícket en total, realizando 34 357 carreiras.[6]
En 2019, Tendulkar foi incluído no ICC Cricket Hall of Fame.[26]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas