Sabina

A sabina[1] (Juniperus sabina), é unha especie do xénero Juniperus cuxo hábitat se estende por Europa central e meridional, oeste de Asia (Turquía) e se cita tamén en Alxeria, estendéndose pola metade leste de España e a Cordilleira Cantábrica, acadando Serra Nevada. Aparece nas provincias de Almería, Asturias, Cantabria, Castelló, Cuenca, Xirona, Granada, Guadalaxara, Huesca, Xaén, Lleida, León, Navarra, Palencia, Soria, Teruel, Valencia e Zaragoza.

Non aparece brava en ningunha das provincias de Galiza.

Descrición

A sabina é un arbusto leñoso parrelo ou achaparrado, que medra máis en largura ca en altura, xa que raramente supera o metro. Produce numerosas pólas deitadas no chan que manteñen a folla todo o ano, de casca pardo-avermellada ou cinsenta, que se desprende en placas; algunhas veces chega a ser unha arboriña co toro torto. Poliñas arredondadas de menos de 1 mm de diámetro, coas follas escuamiformes, imbricadas, dispostas en catro ringleiras, algo aquilladas e cunha glándula ovalada resinosa no dorso, desprendendo un cheiro penetrante e desagradábel ao esmagalas.

Floración

A partir do mes de setembro e até a primavera, chegando as arcéstidas polo outono ou na primavera a seguir. Ás veces a mesma planta produce os conos masculinos e femininos, porén acotío fican en distintos pés.

Hábitat

Nos cumes das montañas, principalmente nas calcarias, desde os (900) 1400 ata os 2750 m de altitude, asociada con frecuencia ao piñeiro negral (Pinus nigra), soportando moi ben os solos esqueléticos e pedrentos, como tamén as baixas temperaturas; esta asociación de piñeiro e sabina rastreira é a vexetación natural dos cumes e abas superiores das altas montañas mediterráneas. En ocasións asóciase co xenebreiro español (Juniperus thurifera), ou con outros piñeiros, caxigos (Quercus faginea) etc, cando desce a menor altitude, pois pode baixar, en exemplares illados, deica os 900-1000 metros.

Usos medicinais

Carl von Linné reservou o nome de sabina, co que os romanos designaban a esta e semellantes especies, para esta planta, quizais por ser a máis utilizada como medicinal. O emprego da sabina como emenagoga (para provocar e regular a menstruación) e abortiva, como menciña popular, remóntase aos gregos. Debe as súas propiedades a un alcol contido na súa esencia, o sabinol, mais a súa acción é tan violenta, que pode provocar a morte. Esta mesma esencia serve, en uso externo, para tirar espullas, pois ten propiedades cáusticas e vesicantes [Cómpre referencia].

Notas

  1. Vocabulario de ciencias naturais Santiago de Compostela, Xunta, 1991; Gran dicionario Xerais da lingua galega, Vigo, Xerais, 2009

Véxase tamén

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!