Saab Group (orixinalmente Svenska Aeroplan AB e posteriormente SAAB e Saab AB) é unha compañía de defensa e aviación sueca fundada no ano 1937. Dende 1947 ata 1990 foi a compañía matriz do fabricante de coches Saab Automobile. Entre 1968 e 1995 a compañía estivo fusionada con Scania-Vabis, sendo coñecida como Saab-Scania. As dúas empresas separáronse coa chegada do novo dono de Saab, Investor AB. A pesar da separación, tanto Saab como Scania comparten o dereito de usar o logotipo do grifón,[2] que procede do escudo de armas da rexión sueca de Escania.
Historia
Svenska Aeroplan AB (SAAB) fundouse no ano 1937 en Trollhättan. Coa fusión de Svenska Aero AB (SAAB) e a compañía baseada en Linköping ASJA[3] no ano 1939, a sede trasladouse a esta cidade.
Orixinalmente a compañía dedicouse á fabricación de avións pero comezou a diversificar os seus negocios. A finais dos anos 40 Saab empezou a fabricar coches coa súa división Saab Automobile, baseada en Trollhättan. O seu primeiro coche foi o Saab 92 que comezou a fabricarse a grande escala o 12 de decembro de 1949 baseado no prototipo Ursaab.[4]
A finais dos ano 50 Saab aventurouse no mercado dos ordenadores con Datasaab. A compañía foi parcialmente resultado da necesidade de fabricar un ordenador o suficientemente pequeno como para ser montado nun avión como equipo de navegación. Durante os anos 60 desenvolveu varios ordenadores que foron vendidos a países europeos para usos como a banca. O ordenador de aviación CK 37 foi utilizado en 1971 no Viggen. A compañís foi vendida en 1975 a Sperry UNIVAC, mentres que Saab retivo os seus desenvolvementos en ordenadores de voo.
En maio de 1965 o nome da compañía cambiou a Saab AB para reflectir o seu amplo rango de actividades.[3] En 1968 Saab AB fusionouse co fabricante sueco de camións, autobuses e motores Scania-Vabis,[5] converténdose en Saab-Scania AB.
En 1990 General Motors mercou o 51% de Saab Automobile, e fíxose co resto da división de coches unha década despois. En 1991 Investor AB completou unha compra apalancada de Saab-Scania AB facéndose con todas as súas accións en circulaciónpor uns 21 000 millóns de coroas suecas.[6] Saab-Scania converteuse nunha subsidiaria de Investor AB e a compañía foi eliminada do rexistro.[7]
En 1995 Saab-Scania foi dividida por Investor AB en dúas compañía independente, eliminando a fusión entre Scania AB e Saab AB. A intención da compañía matriz era ampliar posteriormente a propiedade nas dúas empresas.[8] Tras a venda do 50% de Saab Automobile AB a General Motors, a principal razón tras a fusión con Scania-Vabis en 1968 desaparecera.
Saab Military Aircraft e British Aerospace (agora BAE Systems) formaron en 1995 a empresa conxunta Saab-BAe Gripen AB para fabricar, comercializar e apoiar internacionalmente ao Gripen. Esta cooperación ampliouse en 2001 coa creación de Gripen International para o mesmo propósito.[5]
Dende 1998 ata 2005 o maior accionista en Saab foi BAE Systems, despois de que o seu predecesor, mercase un 35% das accións a Investor AB. En xaneiro de 2005 BAE Systems reducíu a súa participación ao 20%, mentres Investor AB mantiña outro 20%.
O 16 de novembro de 1999 Saab anunciou a súa intención de mercar Celsius AB. finalizando a súa adquisición a principios de marzo do ano seguinte.[9]
En decembro de 2005 Saab uniuse ao proxecto do vehículo aéreo no tripulado furtivo Dassault nEUROn como un dos socios principais.
En 2010 a compañía reestruturouse, pasando de quince unidades de negocio a cinco: aeronáutica, dinámica, sistemas de defensa electrónica, solucións de seguridade e defensa, e apoio e servizos.[10] Segundo Saab, a reestruturación levouse a cabo para orientarse mellor cara ao mercado e os clientes.
En marzo de 2010 BAE Systems vendeu a metade do seu 20% das accións na compañía a Investor AB, que entón se converteu no principal accionista.[11] En xuño de 2011 a compañía británica vendeu o resto das súas accións chegando ao final de 16 anos de relación con Saab.[12]
Produtos
Avións militares
- Saab 17: bombardeiro/bombardeiro en picado producido entre 1941 e 1944. 323 fabricados.
- Saab 18: bombardeiro e avión de recoñecemento bimotor producido entre 1944 e 1948. 245 fabricados.
- Saab 21: caza/avión de ataque de dobre fuselaxe producido entre 1945 e 1949. 298 fabricados
- Saab 21R: versión a reacción do Saab 21 producido entre 1950 e 1952. 64 fabricados.
- Saab 29 Tunnan: caza producido entre 1950 e 1956. 661 fabricados.
- Saab 32 Lansen: avión de ataque producido entre 1953 e 1959. 450 fabricados.
- Saab 35 Draken: caza producido entre 1955 e 1974. 644 fabricados.
- Saab 37 Viggen: avión de caza/ataque recoñecemento producido entre 1970 e 1990. 329 fabricados.
- Saab JAS 39 Gripen: caza multipropósito introducido en 1996. Ao redor de 250 fabricados ata o prsente.
- Saab 105: adestrador bimotor producido entre 1963 e 1972. 192 fabricados.
- Saab 340 AEW&C: avión de alerta temperá e control aerotransportado producido entre 1994 e 1997. 8 fabricados.
Proxectos de avións militares cancelados
- Saab 36: bombardeiro, anos 50. Ningún fabricado.
- Saab 38: ataque/adestrador, anos 70. Ningún fabricado.
Avións civís
- Saab 90 Scandia: avión de curto/medio alcance para 32 pasaxeiros producido entre 1946 e 1954. 18 fabricados.
- Saab 91 Safir: adestrador monomotor producido entre 1946 e 1966. 323 built)
- MFI-15 Safari/MFI-17 Supporter: adestrador monomotor producido entre 1971 e finais dos 70. Ao redor de 250 fabricados.
- Saab 340: avión de pasaxeiros de curto alcance para 30-35 pasaxeiros producido entre 1983 e 1999. 459 fabricados.
- Saab 2000: avión de pasaxeiros turbohélice para 50-58 pasaxeiros producido entre 1992 e 1999. 63 fabricados.
Avións experimentais
Vehículos aéreos non tripulados
Mísiles
Sistemas de xestión de combate naval
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas