A partir da reforma de Licurgo no século -VII, Esparta ten dous reis (ἀρχαγέται / arkhagétai, de ἀρχή / archế, "goberno").
Un deles forma parte da familia dos Axíadas (Ἀγιάδαι / Agiádai), o outro da dos Euripóntidas (Εὐρυποντίδαι / Eurupontídai), dúas familias nadas, segundo a lenda, de xemelgos descendentes de Heracles, Eurístenes, pai de Axis I e Procles, pai de Euriponte. Por eles, os espartiatas chámanse, no seu conxunto, Heráclidas (ver Tirteo, 8, 1). As familias non poden casaren entre elas, nin levaren o mesmo nome (Axis, fundador dos Axíadas, é a excepción, xa que ese nome só se atopa logo entre os Euripóntidas) e as súas tumbas atópanse en lugares distintos. Os dous reis supóñense que son iguais, mesmo se Eurístenes se supón que foi o máis vello dos xemelgos, e debía en principio dar unha certa hexemonía aos Axíadas.
Orixe das dúas dinastías
Moitos se preguntaron sobre a orixe desta dobre dinastía. Algúns pensan que ao principio había tres reis, mandando cada un unha das tres tribos testemuñadas ao inicio da primeira guerra de Mesenia. Un dos tres reis tería desaparecido a continuación. Outros fan aos Axíadas os reis dos antigos Aqueos (Cleómenes I declárase aqueo e non dorio en Atenas), e aos Euripóntidas os dos invasores dorios. Finalmente, baseándose na localización das súas tumbas, pódese facer dos Axíadas os representantes dunha parte da Laconia, Pitana e Mesoa, e dos Euripóntidas, os doutra, Limai e Konooura.
Pódese lembrar tamén que Roma ten dous cónsules, Mesene dous reis tamén, Atenas dous reis e logo tres arcontes. Ter dous reis permite que un se reserve na cidade mentres o outro fai a guerra ou minimizar os problemas de vacante no poder no caso de morte ou rexencia dun rei. Finalmente, Esparta dedica un culto aos Dióscuros, xemelgos modelos da amizade fraternal.
Devolución do poder real
O poder real transmítese ao «máis próximo descendente do máis próximo detentador* do poder máis real» (Pierre Carlier, La royauté en Grèce avant Alexandre, AECR, 1984), é dicir que o fillo vai antes có irmán, que hai dereitos de primoxenitura, pero que o fillo nado cando o pai é xa rei prima sobre os que non están nesa circunstancia. Porén, parece que os Espartiatas interpretan de maneira libre esta regra de sucesión.
Papel dos reis
Os poderes dos reis son esencialmente militares e relixiosos. Ao principio, os reis poden levar a guerra contra o país que quixesen, e o seu poder é colexiado. En -506, ocorre o famoso «divorcio de Eleusis» (o rei Demarato abandona a expedición levada por Cleómenes e mais el contra Atenas), e a partir de aí os reis levan a guerra sos. No século -V, ademais, é a Asemblea a que vota a guerra, e os éforos quen deciden acerca da mobilización. Sexa como for, o rei en campaña é o comandante en xefe (ἡγεμών / hêgemốn). Prima sobre os demais xenerais, pode pechar a treguas, e combate na primeira ringleira da asa dereita, protexido pola súa garda de honra de cen homes, os Ἱππείς / Hippeís.
Os reis teñen tamén o sacerdocio de Zeus Lakedaimonios e Zeus Ouranios, e presiden os sacrificios. Nomean os maxistrados encargados de consultar a Pitia, e reciben a súa contestación. Son membros da xerusía.