O 6 de novembro de 2012 celebrouse un referendo sobre o status político de Porto Rico. Foi o cuarto referendo sobre este tema celebrado en Porto Rico. Porto Rico é un territorio non incorporado dos Estados Unidos dende a guerra hispano-estadounidense en 1898.
Aos electores portorriqueños formuláronselles dúas preguntas: en primeiro lugar se aceptaban continuar co status territorial de Porto Rico e, en segundo lugar, indicar o status político que preferían entre tres posibilidades: converterse en estado da unión, a independencia ou unha nación soberana en libre asociación cos Estados Unidos.[1] 970.910 (53,97%) votaron "Non" na primeira pregunta, manifestándose en contra de manter o actual status político, e 828.077 (46,03%) votaron "Si", para manter o actual status político. Dos que responderon á segunda pregunta, 834.191 (61,16%) elixiron converterse en estado, 454.768 (33,34%) optaron pola libre asociación e 74.895 (5,49%) optaron pola independencia.[2][3]
O gobernador electo Alejandro García Padilla do Partido Popular Democrático (PPD) e varios outros dirixentes que favorecen a situación actual recomendaran votar "Si" á primeira pregunta, e deixar a segunda en branco como protesta polo que dixeron que era "un proceso antidemocrático" e "unha trampa".[4]
O Comisionado Residente sen voto de Porto Rico, Pedro Pierluisi, dixo que "defenderá a decisión do pobo" en Washington, D.C. El planea introducir lexislación no Congreso para que Porto Rico sexa admitido na Unión.[5][6] Aínda que García Padilla cuestionou a validez dos resultados, afirmou que pensaba seguir adiante co que suxerira o presidente Barack Obama, e convocar unha asemblea constituínte para resolver o problema do status.[7] Tal asemblea non se celebrou finalmente baixo a gobernación de García Padilla.
Anteriormente celebráronse referendos na illa para decidir o status político de Porto Rico, sendo o inmediantamente anterior o de 1998.[8][9][10]
Notas
Véxase tamén
Outros artigos