Para outras moedas coa denominación de "real", véxase a páxina de homónimos Real.
O real foi a moeda de curso legal da República de Centroamérica e da República Federal de Centroamérica a partir de 1824. O seu múltiplo en ouro era o escudo, que equivalía a dezaseis reais de prata. A derradeira cuñaxe a nome da Federación produciuse en 1851.
Moedas
O real da República Federal de Centroamérica substituíu á par o real colonial español que circulaba ata entón e que seguiu circulando simultaneamente durante anos. As primeiras moedas da Federación foron cuñadas en 1824; un Decreto do 19 de abril dese ano autorizaba unicamente a Casa da Moeda de Guatemala para a produción do circulante que se utilizaría na Federación.[1] Esa primeira serie guatemalteca compúñase de moedas de prata de 1/4, 1/2, 1 e 8 reais, e de ouro de 1/2, 1, 2, 4 e 8 escudos.[2]
Posteriormente cuñaron tamén as cecas de Honduras (1/2, 1 e 2 reais) e Costa Rica (1/4, 1/2, 1 e 2 reais, e 1/2, 1, 2, 4 e 8 escudos), ata as derradeira cuñaxes de 1851 a nome da Federación.[3][4]