O Rally Illas Canarias foi unha proba de rally que se celebrou de 1973 a 1992 nas illas de Gran Canaria e Tenerife. Chamado inicialmente Rally Illas Canarias, celebrouse como Rally Ciudad de Santa Cruz de 1979 a 1985 e en 1986 recuperou o nome orixinal ata 1992, o seu último ano. Foi puntuable para o Campionato de España de Rallys na maioría das súas edicións.
Historia
Primeira época
A comezos dos anos 70 as competicións de motor en Canarias estaban paralizadas debido a un accidente ocorrido a finais dos anos sesenta nunha carreira de resistencia disputada nun circuíto. En 1972, a Escudería Drago xunto coa federación local decidiron realizar unha proba de rally co fin de que puntuase para o Campionato de España. Na súa primeira edición disputouse en dúas etapas, unha en Gran Canaria e outra en Tenerife. A lista de inscritos foi curta, de só 26 equipos, todos eles canarios. A orde de saída realizouse por sorteo e o formato contaba con saída o domingo 22 de xullo cun itinerario de 453 km que percorría o suroeste da Illa. Só quince coches remataron esa primeira etapa para afrontar a segunda cun trazado de 802 km e 13 tramos cronometrados, algúns deles en terra. O gañador da primeira edición do rally foi o equipo composto por José Manuel Ucha e Jesús Segura a bordo dun Fiat 128 Rally.[1] O ano seguinte as federacións de Tenerife e As Palmas organizaron a segunda edición, esta vez comezando en Tenerife e rematando en Gran Canaria. O gañador desa edición foi o piloto de SEAT, Antonio Zanini a bordo dun SEAT 1430-1800 acompañado no podio polo seu compañeiro de equipo Salvador Cañellas. Esa sería a última edición na que ambas federacións traballaron xuntas xa que en anos posteriores alternáronse na organización da proba. En 1975 o itinerario tiña 11 tramos cronometrados sobre un total de 411 km dos cales 204 estaban eran sobre terra. A lista de inscricións mellorou significativamente e apareceron na illa cincuenta equipos. A proba foi igual de dura que en anos anteriores e só once pilotos cruzaron a liña de meta, sendo o gañador Manuel de Aguilar cun Toyota Celica . A cuarta edición, celebrada en 1976, presentou unha lista de inscritos máis pobre e só tres pilotos de renome: Fernando Lezama, Eugenio Ortiz e Ricardo Muñoz. A proba perdeu protagonismo fronte ao Rally Maspalomas, que o superaba con creces en canto a premios en metálico. De 42 equipos, só trece remataron a carreira, sendo o gañador Miguel Ángel Domínguez, coa peculiaridade de que os tres pilotos do podio pilotaban tres Mitsubishi Lancer 1600 GSR procedentes do Campionato do Mundo. O Rally Costa de Marfil, que ese ano estaba no calendario mundial, foi suspendido e os Lancer destinados a competir en dita proba desembarcaron no porto das Palmas e posteriormente foron adquiridos polos pilotos locais.[2]
En 1977 a proba non se celebrou debido ao mal entendemento entre as federacións, polo que os organizadores do Rally Maspalomas, para non perder unha proba do campionato nacional, organizaron unha edición baixo o nome de IV Rallye Maspalomas - V Rallye Islas Canarias.[3]
Segunda época
En 1979 a proba recuperouse pero baixo o nome de Rally Ciudad de Santa Cruz. Tres anos despois, volveu acadar puntuación para o Campionato de España con coeficiente 3. Celebráronse sete edicións con este nome e os gañadores deses anos foron, entre outros, Carlos Alonso-Lamberti (1981), Medardo Pérez (1982), José Luis Rivero (1983) e Carlos Sainz (1985). En 1986, a Escudería Anaga rexistrou o nome de Rally Illas Canarias, o que marcou o comezo da segunda etapa do evento, recuperando tanto o nome como as edicións. O gañador desa primeira edición (1986) foi Antonio Zanini a bordo dun Ford RS 200 co que sumou a súa segunda vitoria na proba. En 1987 Carlos Sainz venceu de novo, aos mandos do Ford Sierra RS Cosworth. Máis tarde, Salvador Serviá gañou en 1988 e Jesús Puras en 1990 ambos con Lancia Delta Integrale, Luis Monzón en 1991 cun Ford Sierra RS Cosworth 4x4 e Ricardo Avero co Mitsubishi Galant VR4 en 1992. Ese foi o último ano da proba, aínda que anos despois o Rally El Corte Inglés, que tamén se celebrba nas illas e puntuaba para o Campionato de España, recuperou o nome de Rally Illas Canarias.[3]
Palmarés
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas