Procesos eólicos

Páramos das faldas do Chimborazo, (Ecuador), nos que se observa unha forte erosión eólica.

En xeoloxía, os procesos eólicos son a erosión, transporte e sedimentación realizada polo vento. A erosión eólica é o desgaste das rochas ou a súa retirada do solo debido á acción do vento. O vento é un axente de modelaxe do relevo que pode acarrexar grandes cantidades de po por todo o mundo, pero os grans de area só poden ser transportados a distancias relativamente curtas. O cuarzo é o mineral máis abondoso nas partículas de area, xa que normalmente é resistente á meteorización química, á disolución e á abrasión. A erosión eólica, en realidade, é realizada pola area que arrastra o vento. A area está distribuída por toda a superficie terrestre, pero está presente particularmente nos desertos, as costas, estuarios de ríos e espazos que sufriron glaciacións. Parece que a auga puido ser o axente orixinal que ocasionou a concentración das potentes masas de area dos desertos, o vento sería o axente de redistribución e a xénese dun amplo mostrario de formas sedimentarias. Moitos dos grandes depósitos, especialmente os chamados mares de area ou ergs, parecen ser o resultado dunha importante actividade fluvial durante o Cuaternario.

O vento como axente erosivo

Nube de area procedente do deserto do Sáhara sobre as illas Canarias, efecto coñecido como po en suspensión, calima ou siroco. Imaxe NASA, 17.02.2004.

O vento é un eficaz axente de erosión de materiais finos e soltos, capaz de arrincar, levantar e transportar partículas; porén, a súa capacidade para erosionar rochas compactas e duras é moi limitada. Se a superficie está constituída por rocha dura, o vento non pode provocar cambios apreciables debido a que a forza cohesiva do material excede a forza exercida polo vento. Unicamente naqueles lugares onde a superficie exposta contén partículas minerais soltas ou pouco cohesivas, o vento pode manifestar todo o seu potencial de erosión e transporte. A velocidade determina a capacidade do vento para erosionar e arrastrar partículas, mais tamén inflúe o carácter dos materiais, a topografía do terreo, a eficacia protectora da vexetación etc.

No fenómeno da erosión eólica é determinante a superficie sobre a que actúa o vento. A súa alteración non se limita a puntos ou áreas limitadas como ocorre coa erosión hídrica; a acción do vento exércese sobre a totalidade da superficie. En espazos amplos, a erosión produce a miúdo escavacións de depresións pouco fondas chamadas cuncas ou depresións de deflación. Orixínanse en áreas máis ou menos chairas e desprovistas de vexetación onde o solo está exposto á acción do vento. As partículas finas (arxilas e limos) son levantadas por correntes verticais que superan as velocidades de decantación; o po difunde na atmosfera ata alturas que van desde poucos metros a varios miles. A altura depende da intensidade da turbulencia do vento, da súa duración e do tamaño das partículas. Como resultado, pode producirse unha densa nube, chamada tormenta de po.

Deserto de pedras ou reg na illa de Boa Vista, (Cabo Verde).

O carácter selectivo da erosión eólica ao tomar partículas finas e deixar gravas e cantos, demasiado grandes para o seu transporte, orixina o denominado deserto de pedras, hammada ou reg. Estas altiplanicies estradas de fragmentos rochosos onde o material fino practicamente foi eliminado polo vento, e onde a acción da termoclastia é moi activa, presentan, en ocasións, vastísimos desenvolvementos como na «Hammada de Guir» en Marrocos-Alxeria e a «Hammada al Hamrah» en Libia.

As superficies expostas dos cantos e afloramentos do substrato rochoso poden presentar unha película de tonalidade case negra chamada verniz desértico. Está formado por un recubrimento de óxido de manganeso ou de ferro, levado á superficie por solución (capilaridade) e depositado como unha película lustrosa sobre as superficies lisas por evaporación. Nalgúns lugares, a evaporación da humidade capilar deixa un depósito de carbonato de calcio ou xeso que actúa como cemento, endurecendo o pavimento e converténdoo nunha codia de aspecto conglomerático.

Outra forma de erosión do vento é a abrasión ou corrasión eólica, na que grans ou partículas minerais duras, normalmente cuarzo, golpean ou rabuñan as superficies rochosas e os obstáculos que afloran. Esta acción do vento cargado de partículas sólidas limítase ás primeiras decenas de centímetros dun acantilado, outeiro ou outro afloramento que destaque sobre un plano máis ou menos horizontal. A corrasión orixina orificios, acanaladuras e entalladuras nas rochas; algunhas veces orixina rochas alveoladas con pequenos ocos; se a masa rochosa destaca sobre unha zona chaira, pode ser erosionada pola base e adoptar a forma dun cogomelo, polo que se denominan roquelis, rollerous (en alemán), ou rochas funxiformes. Alí onde existe unha alternancia de estratos brandos e duros, a acción do vento é altamente selectiva; as zonas menos resistentes son desgastadas máis rapidamente que as duras, as cales acaban por resaltar vigorosamente a modo de saíntes e cornixas con profundas e longas acanaladuras ou corredores, aliñados paralelamente segundo a dirección do vento. A esta modelaxe esculpida en cristas e corredores socavados dáselles o nome de yardangs. Nas áreas con bloques e cantos pouco consolidados ou illados, o vento bisélaos do lado de onde sopra tallando unha superficie pulimentada; se a dirección do vento cambia ou o canto é eliminado, pode ser tallado en varias caras separadas por arestas. Estes cantos denomínanse ventifactos; cando se modelan de modo bastante perfecto con caras que se cortan en tres bordos agudos reciben o nome de dreikanters.

Transporte de sedimentos polo vento

Mecanismos de transporte eólico: 1.- rodadura e deslizamento, 2.- saltación, 3.- suspensión (4.- dirección do vento).

O vento despraza as partículas soltas, basicamente, segundo os mesmos mecanismos que as escorrentías hídricas, en función do tamaño do gran e da velocidade do fluído. Os grans de area viaxan a favor do vento, permanecendo preto da superficie, separándose gradualmente das partículas máis grosas que pesan demasiado para que o vento as desprace lonxe. Deste modo orixínase unha masa característica de sedimentos coñecida como area eólica ou area de duna, cuxas partículas teñen un diámetro entre 0,1 e 1 mm, composta na súa maior parte por cuarzo, por ser o mineral cuxa dureza e resistencia química o converten no material máis duradeiro que conteñen as rochas. Os grans de cuarzo transportados polo vento ofrecen formas redondeadas e as súas superficies están cubertas de fracturas microscópicas causadas polo impacto duns grans contra outros. As partículas máis grosas son transportadas por rodadura, reptación e deslizamento sobre a superficie; os grans de area poden viaxar por saltación elevándose ata alturas de 2 ou 3 metros nalgúns casos. As partículas finas (limos e arxilas) poden desprazarse en suspensión e ser elevadas a grandes alturas polas correntes ascendentes, tan frecuentes nas rexións cálidas.

Saltación e suspensión son os mecanismos máis importantes do transporte eólico. As partículas realizan saltos a favor do vento; tralo impacto con grans na superficie, poden rebotar de novo e elevarse. Deste xeito, o vento transfire enerxía cinética ao gran, o cal, ao chocar coa superficie de area, retira outras partículas e pode proxectalas ao aire. As partículas de limo e arxila poden permanecer en suspensión con vento turbulento, e incluso case indefinidamente no caso dos grans moi pequenos. As grandes tormentas de area elevan partículas ata 250 metros de altura e avanzan con velocidades que poden chegar a alcanzar os 200 m/s. Estimouse que se transportan entre 500 e 1&nmbsp;000 millóns de toneladas de po desde todas as fontes cada ano. Algunhas das tormentas máis potentes de po do Sáhara, alcanzan os países meridionais de Europa e mesmo chegan ás costas orientais de América do Sur, cruzando o océano Atlántico.

Mapa da meseta de loess do río Amarelo (China).

Outros cálculos estiman que en 1 km³ de aire poden viaxar en suspensión unhas 900 toneladas de po. Tendo isto en conta, unha tempestade de po de 500 km de diámetro podería transportar máis de 90·106 toneladas de po, dabondo como para construír un outeiro de 3 km de base e 30 m de altura. O transporte de sedimentos polo vento é realizado por rodadura, reptación, deslizamento, saltación e suspensión. Os grans grosos fano polos tres primeiros mecanismos citados, os de tamaño medio por saltación e os máis finos por suspensión.

O vento é tamén, polo menos en parte, responsable da formación dun depósito amarelado, homoxéneo, de gran fino e sen estratificar: o loess. A maior parte dos autores están de acordo en que a súa xénese se debe ás nubes de po que foron dispersadas a partir dos depósitos glaciarios e fluvioglaciarios, polos ventos fortes anticiclónicos que sopraban desde as vastas capas de xeo continentais do Plistoceno. Crese que os potentes depósitos de loess de Europa central, Rusia, China, Estados Unidos, Arxentina, Nova Zelandia e outros lugares, foron sedimentados, prioritariamente, en épocas interglaciarias ou postglaciarias, baixo condicións climáticas máis secas e frías que as existentes hoxe. Na China, por exemplo, a extensa superficie de loess, de arredor de 750 000 km2, ten un grosor de máis de 250 m e as súas capas basais foron depositadas hai uns 2,4 millóns de anos, de acordo con medicións paleomagnéticas.

O tamaño das partículas de loess é maioritariamente o dos limos, entre 4 e 60 microns de diámetro, malia que entre un 5 e un 30 %, poden ser partículas de tamaño arxila. Os solos procedentes deste tipo de depósito son de alta calidade e adoitan producir excelentes colleitas.

Unha nube de po africano procedente do deserto do Sáhara que cruza o Atlántico e chega ata o Caribe. Fonte:NASA.

Sedimentación eólica

A sedimentación e as construcións dunares correlativas son as que mellor caracterizan a morfoxénese do vento nos dominios áridos e sectores costeiros, pola extensión dos espazos que recobren, pola diversidade de tipos e polas considerables dimensións que alcanzan ás veces. Os depósitos de area adoitan clasificarse polo seu tamaño en tres tipos:

Ripples ou rizaduras (en primeiro termo) no deserto do Namib-Naukluft , África.
  • Ripples, acumulacións espazadas entre 5 cm e 2 m, con alturas de 0,1 a 5 centímetros.
  • Dunas, poden estar separadas entre 3 e 600 m e presentar alturas entre 0,1 e 15 metros.
  • Megadunas, estes grandes depósitos poden rexistrar separacións de 300 m ata 3 km e alturas de 20 a máis de 400 m.

As diferenzas entre estas tres clases de formas eólicas débense aos balances entre os mecanismos de transporte e deposición.

Os ripples son rizaduras producidas en sedimentos sen consolidar análogas ás que se forman baixo a auga, pero con cristas algo máis agudas. Estas rizaduras, formadas por saltación das partículas, son comúns en todas as superficies de area.

Os procesos para a formación de ripples están relacionados coa interacción dinámica entre o fluxo do vento e o movemento de sedimentación. O inicio adoita producirse ao chou, coa presenza dun pequeno obstáculo na superficie, un segmento de area mollada ou unha variación local do tamaño do sedimento ou da velocidade do vento; o resultado é a aparición de pequenos montículos de area. Estes montículos presentan unha cara a barlovento que rexistra a maior parte dos impactos das partículas, mentres que a cara oposta, a de sotavento, é a que recibe os grans por saltación. Os grans máis grosos tenden a acumularse na crista, mentres que o material máis fino se deposita nas concavidades entre cristas.

Son, non obstante, as dunas as que mellor caracterizan as morfoxéneses do vento. As dunas poden presentar unha fascinante variedade de modelos dependendo de factores como:

  • Subministración de area.
  • Velocidade do vento.
  • Variabilidade na dirección do vento.
  • Características da superficie pola que se despraza a area.

Modelos de dunas

Artigo principal: Duna.
ErgChebbi en Marrocos.

As variedades máis frecuentes de dunas son as transversais, barkháns, lonxitudinais e parabólicas. Todas se desprazan uns 15 m/ano. Nos grandes desertos, extensas áreas están completamente cubertas de area, e denomínanse mares de area ou ergs. Os máis extensos atópanse en África (Sáhara), Arabia Saudita e Australia.

Os campos de dunas dos desertos son os conxuntos máis importantes na modelaxe eólica da superficie terrestre, esténdense sobre centenares de quilómetros. Moitos campos están compostos por grandes e complexas construcións dunares, como os aklés do Sáhara ou de Arabia Saudita. Son grandes acumulacións de area modeladas en formas irregulares, anárquicas e sen ningún aliñamento sistemático.

Notas

Véxase tamén

Outros artigos

Bibliografía

  • Geografía Física, por Francisco López Bermúdez / José Manuel Rubio Recio / José María Cuadrat. Editorial: CÁTEDRA 1992. ISBN 84-376-0893-7 .
  • Compendio de Geografía General, por P. Gourou e L. Papy. Editorial:RIALP 1977. ISBN 84-321-0249-0

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!