O pozo de cimentación, tamén chamado polo seu nome en francéscaisson, é un tipo de cimentación pouco profunda que se utiliza cando os solos non son adecuados para alicerces rasos por ser brandos. Os pozos de cimentación tamén son frecuentemente empregados para cimentar piares de pontes nos ríos cando non é posible ou non é conveniente crear un desvío parcial ou total do río.
Características
A particularidade do pozo de cimentación é a de que se vai construíndo a medida que se vai afundindo no terreo. A sección transversal do caisson xeralmente é redonda, mais tamén pode ser cuadrada, rectangular ou elíptica.
O proceso construtivo, cando este se efectúa en terra, comeza coa construción do cabezal, normalmente de formigón armado, provisto na súa xeratriz externa dunha armadura vertical, unha lámina de aceiro solidamente ancorada ao cabezal. Despois, xa colocado o cabezal na posición na que vai afundir na terra, constrúense os primeiros metros do corpo do pozo de cimentación. O corpo do pozo de cimentación é duns 5 a 10 cm menor que o perímetro externo do cabezal, coa finalidade de reducir a fricción da parede co terreo.
Ao facer a escavación da terra do interior do pozo, o peso deste comezará a afundilo. A medida que se vai afundindo vai progresivamente aumentando a parede que sobresae por riba, até chegar á profundidade desexada, algunhas decenas de metros. Unha vez chegados á profundidade desexada, constrúese un tapón de formigón na base, de forma que o peso da estrutura que se construíra sobre a cimentación se reparta uniformemente sobre toda a sección do pozo, que pode chegar a ser de até 12 – 15 m de diámetro, no caso de ser circular, e ter largo de máis de 20 m en caso de ser rectangular.
Unha vez selado o pozo, na base, pódese proceder a enchelo con material inerte ou pode deixarse baleiro. Neste último caso, se o nivel freático é máis elevado que o fondo, co tempo a auga equilibrarase fóra e dentro. O deixar o pozo oco, ou parcialmente oco, contribúe a diminuír o peso total da estrutura.
Cando o pozo de cimentación debe ser colocado na auga, eventualmente complétase a súa construción na marxe do río ou lago e logo remólcase até o seu lugar definitivo, onde se procede a afundilo até a profundidade desexada. Se a profundidade é considerable, pode ser conveniente que o corpo do pozo teña unha cámara cerrada onde traballan os obreiros encargados do afundimento.