Ponta Delgada é unha cidade portuguesa, capital da Rexión Autónoma dos Azores, cuxa poboación no ano 2011 era de 68.809 habitantes. A cidade atópase no suroeste da Illa de São Miguel, a máis grande e habitada das 9 illas principais do arquipélago.
Historia
Fundada en 1449 como unha vila de pescadores, en 1546 foi declarada capital das illas polo rei Xoán III O Piadoso. En 1582 tivo lugar fronte á súa costa a batalla naval de San Miguel no marco da crise de sucesión portuguesa. No século XIX a súa economía medrou por mor das exportacións de froita ó Reino Unido. Ponta Delgada foi bombardeada durante a primeira guerra mundial por submarinos alemáns, e logo da guerra acolleu unha base naval dos Estados Unidos.
Economía e turismo
Nos últimos anos a economía local tanto da cidade como da illa céntrase na agricultura e no turismo. En 2008 a cidade modernizouse coa construción dunha nova terminal para cruceiros turísticos chamada "Portas do Mar", que inclúe un novo porto deportivo, un paseo marítimo, tendas, restaurantes, un pavillón multiúsos, un anfiteatro, piscinas etc. A cidade conta tamén cun centro comercial. No tocante á arquitectura tradicional, na cidade salientan o Convento da Nosa Señora da Esperanza, a Sinagoga de Ponta Delgada, as Portas da Cidade, o Forte de São Brás (que acolle un importante museo militar), o Museo Carlos Machado e o Teatro Micaelense.
O Clube Desportivo Santa Clara é o equipo de fútbol mais salientable da cidade. Chegou a disputar 3 edicións da Primeira Liga, e durante a tempada 2011-12 milita na Liga de Honra. Viste de vermello, e xoga os seus encontros como local no Estádio de São Miguel, que ten capacidade para acoller a máis de 15.000 seareiros. Neste equipo comezou a súa carreira Pedro Pauleta, o máximo goleador histórico da selección portuguesa, que é natural da cidade.