Pokémon (ポケモン, Pokémon?), abreviado do título xaponés Pocket Monsters (ポケットモンスター, Poketto Monsutā?), é unha serie de televisión anime que forma parte da franquía Pokémon de The Pokémon Company, e que se estreou orixinalmente no Xapón o 1 de abril de 1997 a través de TV Tokyo.
A franquía anime consta de sete series secuenciais no Xapón, cada unha delas baseada nos principais títulos da serie de videoxogos de Pokémon. Nas retransmisións internacionais, a serie está dividida en 25 tempadas de televisión.[3] A serie segue a Ash Ketchum, un mozo adestrador de criaturas chamadas Pokémon. Xunto co seu compañeiro Pikachu, Ash viaxa por diferentes rexións para converterse nun "mestre Pokémon" e competir en torneos de loita coñecidos como Liga Pokémon.
Está considerada como unha das primeiras series de anime en ter un éxito masivo entre as audiencias occidentais,[4][5] ademais de considerarse que fixo aumentar a popularidade dos xogos, e vice versa.[6][7] Pokémon é considerada como a adaptación de videoxogos con máis éxito de tódolos tempos,[8] con máis de 1 000 episodios emitidos, retransmisións en 169 países, e unha das series de maior éxito de Netflix no ano 2016.[9]
Trama
Ao cumprir dez anos, Ash Ketchum (Satoshi no Xapón), un neno que soña con chegar a ser un Mestre Pokémon, pode finalmente comezar a súa viaxe na busca do seu soño. Porén, queda durmido o día que tiña que recibir o seu primeiro Pokémon e, ao chegar tarde ao laboratorio do Profesor Oak, descobre que todos os Pokémon iniciais (Bulbasaur, Charmander e Squirtle) xa foran escollidos por outros adestradores. Entón, o Profesor dille que hai outro Pokémon, un Pikachu, ó cal non lle gusta estar na súa Pokébola e é moi teimudo. Así, ignorando os avisos, Ash acéptao e comeza a súa viaxe. Tras seren atacados por unha banda salvaxe de Spearow, e logo de que Ash protexe a Pikachu dos Pokémon furiosos, Pikachu entende que el é o seu adestrador e fanse amigos. Despois destes acontecementos, eles ven un Pokémon misterioso voando e iso fai que Ash queira máis que nunca realizar o seu obxectivo de ser un Mestre Pokémon.
Ao longo da súa viaxe, Ash fai novos amigos, tanto humanos como Pokémon, que o axudan no seu camiño cara a Liga Pokémon. Na rexión de Kanto, Ash coñece a Líder de Ximnasio de Cerulean, Misty (Kasumi), e o líder do Ximnasio de Pewter, Brock (Takeshi). Eles sempre acaban cos plans do trío do Team Rocket, formado por Jessie, James e Meowth, que queren roubar o Pikachu de Ash e outros Pokémon raros e, con ese obxectivo, seguen a Ash a todas as partes. Cando Ash e Misty viaxan ás Orange Islands, desa vez sen Brock, son acompañados polo observador de Pokémon Tracey (Kenji). Despois dun tempo, eles reencóntranse de novo con Brock e seguen a súa viaxe na rexión Johto.
Cando Ash decide ir á rexión Hoenn, Misty opta por quedar no Ximnasio de Cerulean. Porén, el coñece novos compañeiros: May (Haruka) e Max (Masato), o irmán máis novo dela. Xuntos, enfróntanse ó Equipo Magma e Aqua. Despois, regresa a Kanto para participar na Battle Frontier e decide ir con Brock á rexión Sinnoh, mentres May e Max seguen os seus propios camiños. Na nova aventura, eles coñecen a Dawn (Hikari) que viaxa con eles á rexión de Sinnoh, onde se enfrontan a Cyrus e o Equipo Galatica.
Tras despedirse de Dawn e Brock, Ash, a súa nai e o Profesor Oak deciden viaxar a rexión de Unova onde Ash coñece a Iris e Cilan (Dent) e comeza a viaxar cos dous. Descobren os terribles plans do Equipo Plasma, unha organización criminal que queren facerse cos Pokémon para dominar o mundo sen oposición. Tras participar na Liga Pokémon de Unova, Ash, Iris e Cilan comezan a prepararse para o Torneo Mundial Pokémon e, nese tempo, coñecen a N, que é un instrumento fundamental para derrotar o Equipo Plasma. Despois diso, eles viaxan polas Illas Decolore a camiño da Cidade de Pallete e coñecen a reporteira investigativa Alexa, que é da rexión Kalos. Mentres Iris e Cilan deciden ir a Johto, Ash e Alexa parten para a rexión de Kalos.
Logo de que Alexa saiba que a súa irmá, unha líder de Ximnasio, está desaparecida, Ash decide viaxar a Cidade de Lumiose, onde coñece o neno-xenio Clemont (Citron) líder do Ximnasio de Lumiose - un feito que el tenta ocultar e a súa irmá máis nova, Bonnie (Eureka). Ash tamén comeza a viaxar con Serena, unha rapaza da Cidade de Vaniville e a amiga de infancia del.
Serie de televisión
No Xapón, Pokémon é transmitido como sete series secuenciais, cada unha delas baseada nos principais videoxogos da serie. O anime emítese de maneira continua durante todo o ano, con emisións regulares para eventos deportivos e especiais de televisión. Na súa retransmisión internacional, os episodios de Pokémon foron divididos en 23 tempadas cun número fixo de episodios e usando unha carátula de inicio específica co subtítulo de cada tempada.
A sétima e actual tempada da serie titúlase Pocket Monsters (ポケットモンスター, Poketto Monsutā?) no Xapón e Pokémon Journeys: The Series internacionalmente; estreouse orixinalmente no Xapón o 17 de novembro de 2019.
Filmes
O ano de lanzamento correspóndese co lanzamento orixinal no Xapón.
Especiais
Ademais da serie principal e os filmes, o anime tamén conta con varios especiais de longa duración e curtas de televisión. Moitos destes especiais centráronse en Pokémon lendarios ou un ou máis dos personaxes principais que están separados o elenco principal durante a súa serie correspondente, mentres que os episodios secundarios posteriores feitos esporadicamente transmítense polo xeral como episodios especiais.
Spin-offs
Pokémon Chronicles
Pokémon Chronicles é un spin-off que conta as historias que dos personaxes secundarios do anime. A maioría dos episodios de Chronicles foron tomados do que no Xapón se coñece como Pocket Monsters Side Stories (ポケットモンスターサイドストーリー, Poketto Monsutā Saido Sutōrī?), os cales forman parte da Weekly Pokémon Broadcasting Station. As demais partes da serie compóñense dos especiais The Legend of Thunder e Pikachu's Winter Vacation.
Pokémon Origins
Pokémon Origins é un especial de TV que se estreou en TV Tokyo o 2 de outubro de 2013 e baséase na historia orixinal dos xogos Pokémon Red e Blue.[10][11][12]
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
|
---|
|
Media | | |
---|
Manga | |
---|
Personaxes | |
---|
Outros | |
---|